Anxo Baz

O último censo de poboación do IGE (Instituto Galego de Estatística) actualizado a 15 de decembro de 2025 «pon de manifesto o descenso de poboación de xeito progresivo desde o 2023 situándose por debaixo dos 10.000 habitantes», indica O portavoz do BNG, Anxo Baz.

Baz manifestou a súa preocupación por estes datos e afirmou que “a perda de poboación supón unha perda importante de subvencións tanto da Deputación como da Xunta de Galiza e do Estado ademais de minorar a recadación propia. O PP de Roberto Carrero nin se dá por aludido nin é capaz de tomar ningunha medida que contribúa a reverter esta situación. No espazo de tempo que leva gobernando non presentaron nin unha soa  proposta dirixida a corrixir problemas estruturais que axuden a dinamizar A Guarda”.

O nacionalista engadiu que “mentres outros concellos se preocupan por ofrecer á Xunta terreos para a construción de vivenda pública ou iniciaron a regulamentación dos pisos turísticos, a Carrero, nin se lle pasa pola cabeza a máis mínima iniciativa que poda contribuír a fixar poboación na localidade” e concluíu dicindo que, “temos un alcalde que o único que lle preocupa e a propaganda e o autobombo. Agardar del decisións de altura, resulta ilusorio, cando levamos observado que desde que chegou ao goberno o único que fixo foi ir dilapidando os orzamentos municipais sen criterio e sen ningún proxecto que faga avanzar A Guarda”.