O Bloque Nacionalista Galego presentou desde varios ámbitos máis de medio cento de alegacións ao proxecto que demandan melloras que van desde a implementación de máis liñas, aumento das frecuencias, ampliación do servizo a zonas de considerable demanda totalmente desatendidas, ou reforzos en datas de máis demanda ou en horario de lecer ou nocturno ata recorte do tempo de desprazamento ao hospital Álvaro Cunqueiro, ampliación e axuste nas liñas que comunican coa Universidade e o instituto da Sangriña, mellora na comunicación entre as parroquias e entre os propios concellos, así como coa comarca do Val Miñor, coa que comparten máis de 30 kms. de territorio e unha importante interación social.
Manuel Fernandez Cruz, responsable da formación no Baixo Miño, lamenta que despois de levar anos poñendo de manifesto as carencias do servizo, despois de ter que rescindir o contrato coa empresa concesionaria cando aínda levaban a metade do tempo estipulado e ter recibido innumerables propostas de mellora desde os propios concellos, a Xunta de Galicia presente un proxecto tan pobre*. “Nun tempo no que o mundo camiña cara un exponencial aumento da oferta dun transporte público fluído, áxil, eficiente e moderno, A Xunta de Galiza faille á nosa comarca esta pobre proposta que nos segue condenando á incomunicación e o distanciamento entre nós e o co resto do territorio”.
“Como mostra do desfasado e o anacrónico que é o proxecto abonda ver que non garante nin wifi libre nos autobuses, nin pago con tarxeta bancaria ou teléfono ou a xeolocalización dos autobuses para saber en tempo real onde se atopan e ter unha estimación do que poden tardar. Cousas tan básicas como unha boa información sobre a oferta de liñas horarios á xente usuaria ou accesos para diversidade funcional como cadeiras de rodas non están garantidas”, afirma Fernández. Tamén asegura que o BNG seguirá de perto a evolución do proxecto, pois levan anos comprometidos coa mellora do transporte na comarca como piar do desenvolvemento e benestar da poboación dos concellos da comarca.
*Casos prácticos:
- Unha persoa que se traslade desde A Guarda a unha consulta ao Hospital Álvaro Cunqueiro tardará dúas horas e cuarto en ir e outro tanto en voltar.
- Unha alumna do campus de Vigo que estude de mañá e remate ás tres menos cuarto as clases (horario habitual) non poderá coller un autobús de volta a casa ata as 20:45.
- Outra alumna que remate as clases ás 21:00 (algo habitual) ten o último autobús ás 20:45 horas.
