O Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Baixo Miño advertiu hoxe á Xunta que a rescisión do contrato das liñas de transporte na comarca con Lugove e o lanzamento dunha nova licitación do servizo debe servir para que as veciñas e veciños vexan mellorado o transporte público e non simplemente para asegurar máis fondos para a concesionaria.

Despois de anos de denuncias, a Xunta tivo que recoñecer o grave deterioro do servizo, obrigada a abrir os ollos á realidade e cancelar o contrato actual ante as continuas advertencias da formación nacionalista polas deficiencias continuas en frecuencias e rutas dos autobuses da concesionaria.

A situación do transporte público na comarca é cualificada como moi deficiente polo BNG, mesmo peor que antes de 2019, cando se renovou por última vez a concesión, afirman. Tanto a comunicación cos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, como co campus universitario están moi lonxe nas necesidades da xente da comarca.

Por non falar de que das liñas que deben de cubrir as entradas e saídas laborais. Ademais, porque hai tamén unha total falta de información adecuada sobre as liñas, autobuses saturados con pasaxeiros viaxando de pé e insuficiencia de prazas reiterada, que obriga constantemente a usuarias a «quedarse en terra» e buscar un transporte alternativo.

Non é de recibo que a xente reciba como solución a contestación de que tomen outras liñas e completen a súa viaxe collendo un taxi. Esta situación afecta sobre todo as persoas máis vulnerables, mocidade sen ingresos e as persoas maiores, que son as que máis precisa deste transporte”, sinala o responsable comarcal Manuel Fernández.

Ademais, o BNG denuncia que as persoas condutoras que, aparte de asumir a responsabilidade de levar autobuses repletos, despois de ser quen venden os billetes ou xestionan os vultos dos pasaxeiros, teñen que cargar coa tensión provocado por esta situación. “Cando se dan estas situacións só están fronte a fronte condutores e usuarias. Hai moitas tensións entre viaxeiras nas colas e, cando as prazas son insuficientes, estas expresan a súa frustración ante as choferes, xerando situacións de considerado nerviosismo xusto antes de comezar a viaxe”, indica, advertindo dos problemas que pode supoñer para a seguranza das viaxes.

Manuel Fernández, responsable comarcal do BNG, subliña que a formación nacionalista fará presión desde todas as frontes para que a Xunta teña en conta todas estas necesidades do servizo e corrixa as deficiencias antes de sacar a concurso a nova concesión. “A rescisión do contrato non só pode supoñer máis fondos para a empresa concesionaria, é unha oportunidade e ten que implicar un mellor servizo para o Baixo Miño”, afirma Fernández, advertindo que a nova oferta da Xunta tén que mellorar de xeito radical. “Aparte do incremento da frecuencia das liñas, especialmente nas entradas e saídas laborais, e a mellora de conexión de núcleos como O Rosal, a comunicación co campus universitario de Vigo e os hospitais de referencia é fundamental para axustarse á demanda da Comarca”.

Representantes do BNG do Baixo Miño, que mantiveron unha xuntanza co deputado Paulo Ríos para encarar a situación, reiteraron o seu compromiso coa mellora do transporte público na comarca e anunciaron que continuarán traballando para garantir que as necesidades da cidadanía sexan atendidas adecuadamente coa nova concesión. Destacaron que o Bloque está a preparar tanto iniciativas por parte do grupo parlamentar no Parlamento galego como nas outras institucións nas que está presente.