Hai case un ano, no mes de xullo de 2024, o BNG presentou unha moción para que o alcalde, Alejandro Lorenzo, aprobase a creación dunha comisión para tratar a proposta de soterramento da vía do tren. «Esta non foi adiante e continuamos sen ter unha proposta común de todos os axentes políticos e sociais do Porriño que defenda os intereses da vila«, sinalan.
O proxecto que a día de hoxe contempla ADIF para O Porriño «só valora soterrar a vía do tren nun tramo de 300m lineais, desde a actual estación, limitándose a eliminar o paso a nivel. Esta proposta hipotecaría o desenvolvemento urbano da vila cunha solución parcial, que o goberno que dirixe Alejandro Lorenzo está disposto a aceptar», indican os nacionalistas.
O BNG defende que o soterramento chegue, como mínimo, desde a propia estación até a entrada do Paseo do Louro, superando o cruce coa rúa Xogo da Ola. «Gañaríase unha gran superficie para uso público sobre a vía soterrada. Comunicaríase o centro da vila co río e con Torneiros e eliminaríase a barreira artificiosa que a día de hoxe supón o paso do tren. Así o ten expresado o Bloque tanto no Porriño coma no Congreso dos Deputados a través de distintas iniciativa», afirman dende o BNG.
Aseguran os nacionalistas que non existen problemas técnicos que impidan levar a cabo un soterramento máis ambicioso. «Trátase exclusivamente -din- da falta de vontade política dos distintos gobernos do estado. Tanto PP como PSOE levan anos facendo política partidista con este tema. O prioritario para eles é ser o Goberno que anuncie a supresión do paso a nivel, sen importar que a solución adoptada sexa un parche que hipoteque o futuro da nosa vila».
Explican desde o BNG que manter a vía do tren ao seu paso polo centro incumpriría a propia Axenda Urbana 2030, que inclúe reducir o impacto destas infraestruturas de comunicacións. «O BNG continúa defendendo que se negocie unha posición conxunta de grupos políticos e axentes sociais do municipio para defender en Madrid unha solución que atenda os intereses do Porriño«, rematan.
