O BNG do Porriño solicitoulle ó goberno municipal que lle puxese solución ós actos vandálicos que se están a desenvolver nos últimos meses no cemiterio municipal do Porriño. A forza nacionalista considera precisa unha maior vixilancia e denuncia «que o goberno de Alejandro Lorenzo do PP segue sen facer nada para solucionar esta situación».

Afirman que a veciñanza do Porriño está preocupada «ante o aumento de roubos que hai no cemiterio municipal da vila. Roubáronse cobre, cables, mármores, marcos con cristais e outros materiais dos nichos ou tumbas». Denuncian tamén que un dos accesos está sempre aberto, «o que facilita estes actos vandálicos nun espazo que non conta con vixilancia».

O BNG solicitoulle no mes de xullo ó Concello do Porriño unha solución. «Un mes despois, Alejandro Lorenzo respondeu á pregunta formulada no pleno de maneira que se evidenciou que non se fixo nada para solucionar esta situación. Non é un problema menor. Os cemiterios son espazos moi sensibles para a cidadanía. Son lugares de memoria e de respecto ós e ás que xa non están. Que
sufra actos vandálicos continuos crea un desasosego que a administración de Alejandro Lorenzo debe solucionar”, afirma Marcelo Rodríguez, membro do grupo do BNG do Porriño.