As organizacións nacionalistas, BNG e Galiza Nova, organizan o vindeiro mércores 1 de setembro, ás 20:00 horas na Praza do Seixo, as II Xornadas Pola Memoria en Tomiño, que contará coa presenza de Luis Bará, Deputado no Parlamento Galego e Andrea Ferrer polo espazo xuvenil para a recuperación da memoria histórica, Mocidade Galega Pola Memoria.

«É importante que desde ben mozas coñezamos a verdade do que aconteceu nos anos máis escuros da nosa historia recente e lle deamos voz a tantas persoas que foron asesinadas, perseguidas, humilladas e torturadas polo fascismo, e coa mirada na memoria, facermos un pouco máis de xustiza. Por isto, impulsamos estas II Xornadas pola Memoria entendendo que esta é esencial para as sociedades, pois sen ela, non poderemos evitar caer nos erros pasados”, comenta Alexandre Pérez o Responsable Comarcal de Galiza Nova no Baixo Miño.

Enmarcado nestas xornadas, levarase a cabo o acto baixo o lema “A mocidade non esquece” programado para o vindeiro mércores na Praza do Seixo. Nel estarán presentes persoas relatoras que, cada unha desde o seu ámbito, son críticas co discurso do “pensamento único” que se nos vendeu co paso da dictadura á democracia no 78. Por unha banda, Luis Bará, Deputado no Parlamento Galego falará das políticas públicas de memoria na Galiza e achegará ao público a distintos episodios de represión na nosa comarca. A maiores, Andrea Ferrer unha das impulsoras de Mocidade Galega pola Memoria, espazo xuvenil de recente creación, falará do papel da xente nova na recuperación da nosa memoria.

Xunto con este acto, exporanse en distintos puntos simbólicos da comarca, infografías en formato póster sobre a figura de Alexandre Bóveda. “Para nos, dar a coñecer a unha persoa que foi asasinada fai 85 anos polo delito único de amar a Galiza é un paso irrenunciable na recuperación dun símbolo exemplo de todas as persoas que deron a súa vida naqueles momentos duros que foron a Guerra Civil e a posterior represión” afirma novamente Pérez.