O BNG en Baiona, despois de xuntar a máis de 600 persoas na concentración do pasado venres e recoller máis de 500 sinaturas de veciños, vai seguir co traballo de recollida de sinaturas «para que a veciñanza baionesa poida amosar a oposición á ampliación do Porto Deportivo coa colocación de dúas mesas, unha no propio Porto Deportivo e outra na rúa Carabela Pinta, o domingo ás 12:00 horas».
O documento baixo o título “paremos a ampliación do Porto Deportivo de Baiona”, recolle o seguinte texto:
“O desastre medioambiental e paisaxístico que vai supor esta ampliación de 4.200 metros cadrados na nosa baía, igual que xa o fixo na primeira fase non só coa modificación da circulación das correntes mariñas senón tamén coa contaminación que supoñen máis embarcacións e coas novas restricións de zonas de pesca que isto traerá consigo.
Esta última ampliación do Porto Deportivo converterá definitivamente o noso concello nun espazo de explotación turística voraz que afecta directamente na vida da veciñanza. A problemática da ampliación do Porto Deportivo non só nos vai afectar a nivel ecolóxico senón tamén económico.”
O BNG segue opoñéndose a ampliación, «sexa con formigón ou sobre piares, xa que a problemática non só afecta ao medio ambiente en xeral e ao mariño, tamén prexudica á paisaxe, ao noso sector pesqueiro e incide aínda máis na problemática da vivenda e, en consecuencia, á calidade de vida da nosa veciñanza».
