As diferentes organizacións denuncian esta situación sucedida con motivo de distintos actos que decorrerán durante os vindeiros días 10 e 11 de marzo baixo o título “Reformas educativas Portugal- España en contexto de eurociudades”. Distintas institucións organizadoras entre as que se encontran o Concello de Tui, lanzaban un cartaz informativo en lingua española e coa toponimia deturpada.

“A toponimia constitúe unha riqueza e un patrimonio inmaterial do noso país que cómpre manter e preservar por formar parte da nosa identidade colectiva. Xa fai anos fixemos e presentamos unha moción en pleno que instaba a mudar unha sinalización co nome do noso concello deturpado e hoxe en día, continúa igual”, – indica Carme Núñez, voceira do BNG en Tui.

A Mesa pola Normalización Lingüística tamén denuncia o caso e lembra que a toponimia galega “está protexida pola Lei desde o 83 e vemos que de xeito continuado son as propias institucións as responsábeis de non cumprir co ditado”.

Xa non é só uso o uso de Tui con i grego senón tamén o nome de Valença do Minho escrito con ñ. Esta lóxica de españolización e deturpación pensábamos que ficaba relegada á axenda da ultradereita. Que as institucións continúen a promover estas aberracións só é unha mostra de desinterese e necidade para con a nosa lingua que deben promover e coidar por lei”, – apunta Nerea Cazás, membro da Dirección Comarcal de Galiza Nova no Baixo Miño.