Manuela Rodríguez Pumar

O pasado 25 de febreiro a xunta de portavoces dos grupos políticos municipais acordou fixar a data do pleno ordinario de marzo para o día 9, incluíndo na orde do día o sorteo das persoas compoñentes das mesas nas eleccións galegas para evitar así convocar un pleno extraordinario por separado. Acordouse tamén fixar a data da preceptiva comisión informativa de asuntos do pleno ordinario, o venres 6 de marzo ás 13:30 horas.

Nin a comisión nin o pleno foron convocados en tempo e forma, e tampouco houbo por parte do alcalde notificación algunha á oposición para lle comunicar a razón da non convocatoria, “algo do que tivemos que enterar pola prensa”, indica a portavoz do BNG, Manuela Rodríguez.

“Nesta ocasión, láiase o alcalde da situación de parálise administrativa que vive o concello, escudándose na baixa do secretario municipal, e acusa en exclusiva á Xunta por non lle dar unha solución. Non asume o Sr. Ferreira a súa incapacidade de xestión cando as suspensións ou cambios de data de plenos e comisións xa se viñan producido por interese do seu grupo estando o secretario en activo», afirma Rodríguez.

«Así, ningún dos plenos ordinarios dos celebrados desde as eleccións de maio tivo lugar o primeiro xoves do mes correspondente, estando esta circunstancia só xustificada no meses de setembro e xaneiro, tal como xa constaba no acordo do pleno de organización onde se estableceron a periodicidade e o día dos plenos. E no caso do pleno do mes de novembro nin sequera foi convocado, como este de marzo, non habendo ningunha comunicación ao respecto por parte de alcaldía á corporación», sinala.

Non respectar os acordos plenarios no que ten a ver coas convocatorias dos plenos, constitúe unha obstrución ao labor da oposición, tanto de fiscalización do traballo do
goberno como da presentación de propostas e alternativas. É tamén unha falta de respecto ás persoas que conforman a corporación, impedindo a planificación das súas respectivas axendas, das súas vidas. “Non podemos estar á disposición da arbitrariedade do Alcalde, da súa falta de previsión, nin da súa incompetencia”.

«O pleno extraordinario, convocado ás cinco da tarde deste martes, será o mércores, último día posíbel dentro do prazo establecido pola lei electoral, ás 20:00h na Casa do Concello».

Terá como único punto o sorteo dos nomes das persoas que conformarán as mesas electorais. “Desde o BNG esiximos que Concello e Xunta cubran á maior brevidade a baixa do Secretario para repoñer a normalidade na xestión do concello, e solicitamos do Alcalde as correspondentes explicacións de toda esta situación e que sexa convocado o pleno ordinario de marzo á maior brevidade posíbel.”