No pleno de outubro, o BNG presentou unha moción para solicitar maiores recursos públicos para facerlle fronte á violencia machista. Neste ano 2025 cumpríronse 18 anos da aprobación da Lei Galega contra a violencia machista. Foi unha lei pioneira, pero non tivo o desenvolvemento esperado pola asfixia económica levada a cabo polo PP.
Existe unha falta de acción da administración autonómica, que se observa na falta de atención psicolóxica regular ás vítimas, na redución dos fondos e das axudas, na falta de formación específica para todas as persoas profesionais que traballan en todo o proceso de atención á violencia machista, na falta de financiamento e persoal nos CIM ou na inexistencia dun plan afectivo- sexual continuo no tempo no sistema educativo.
Mais a nivel local, no Porriño, o Concello do PP mantén unha liña do inoperancia. Despois do acontecido no SAF na nosa vila, non houbo un cambio na situación de desprotección das traballadoras. A morte de Teresa de Jesús non significou ningunha modificación no funcionamento do SAF e as traballadoras seguen coa súa integridade comprometida.
No mes de setembro de 2024, Alejandro Lorenzo anunciou que no Porriño habería unha casa de acollida para vítimas de violencia machista. Esta non só foi outra promesa sen fundamento, senón que puxo en risco os fondos para a súa construción. A mala xestión do noso alcalde puxo en perigo o desenvolvemento desta infraestrutura fundamental que se ía sufragar no 2024 cos fondos Next-Generation. Finalmente, a Xunta decidiu que esta instalación se realizará en Santiago de Compostela.
A atención á sanidade xinecolóxica no noso concello segue sendo unha materia pendente; ao igual que tampouco se xustifica, atendendo a incidencia do cancro na nosa poboación, a anulación das revisións anuais sen causa xustificada, como medida de prevención.
A programación en igualdade do Concello debe potenciar o empoderamento, vía actividades e creando espazos de encontro. Unha performance coa poboación escolar non é unha iniciativa diferente da que xa realizan nos propios centros educativos, mais nestes acompáñana cun proceso de análise e reflexión.
Neste pleno, o goberno local non asumiu as súas responsabilidades. A Concelleira González Costas cualificou o único colectivo feminista organizado por mulleres do noso concello como un foco de conflitividade, esquecendo que foi decisión da administración municipal expulsar o movemento veciñal da praza principal da nosa vila. Dende o Bloque esiximos que esta situación non se volva repetir neste 25N.
O traballo pola igualdade e a loita contra a violencia machista non se pode reducir nun conxunto de actos simbólicos e bandeiras. O pasado 12 de novembro fíxose público que no novo orzamento da Deputación de Pontevedra para o 2026 eliminan partidas para actuacións contra a violencia machista. Debemos recordar que Alejandro Lorenzo forma parte do goberno da Deputación. Quen recibe un sobresoldo de 32.000 euros da mesma administración que recorta na loita contra a violencia ve comprometido o seu compromiso real coa igualdade.
