O BNG dirixiu unha solicitude ao Concello de Gondomar para que inste a UFD Naturgy a rematar xa unha obra que está a realizar na rúa Párroco José Mariño da vila condal. Os traballos comezaron hai varios meses e obstaculizan considerablemente a entrada a vivendas e un centro de día.

Familiares de usuarios do centro de día e veciños da zona levan meses soportando os atrancos das obras e dos seus valados de protección que dificultan o paso de persoas e de vehículos nunha rúa que tamén da acceso a un aparcadoiro municipal.

Un dos maiores problemas é que a obra está xusto na entrada dun centro ao que asisten persoas maiores, moitas delas con problemas de mobilidade, o que lles complica enormemente as manobras do transporte e da entrada e saída.

O BNG recolle o malestar de persoas que xa dirixiron as súas queixas ao Concello, «sen éxito de momento». É por iso que «solicita que o goberno local, que é quen concede a licenza, inste á empresa promotora a non dilatar máis esta situación para rematar co agravio que produce unha obra que xa debería estar rematada hai tempo».