O BNG de Gondomar insta ao goberno local a elaborar un Protocolo de prevención do acoso laboral específico para conxunto do persoal do Concello. A través da súa portavoz municipal Manuela Rodríguez e tal como xa fixera no pleno, a organización nacionalista traslada, agora por escrito, as eivas que presenta o protocolo da Mancomunidade ao que se vén de adherir o Concello, ao tempo que reclama tamén a redacción do preceptivo plan de igualdade para a entidade local.
A vista da publicación no BOP da adhesión efectiva do Concello de Gondomar ao Protocolo para a prevención do acoso laboral, sexual e por razón de sexo da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, desde o BNG lamentan que se faga “sen ningunha modificación, sen adaptación ao ámbito do Concello e sen a mínima posta en común coas súas traballadoras e traballadores, nin sequera a través da súa representación sindical”.
Durante o debate plenario, Rodríguez lembrou que a posición do BNG xa fora moi crítica cando se debatera o texto do protocolo no seo da Mancomunidade, tanto pola falla de participación do persoal en xeral como, en particular, por non contar para a súa redacción coa participación de persoas con formación en materia de igualdade, tal e como demandaban as traballadoras dos Centros Información a Muller dos tres concellos.
Achegas realizadas polo BNG
No que se refire a propostas concretas, desde o BNG consideran que á composición da comisión de investigación do acoso debe ser elixida con criterios técnicos e de igualdade e debe contar con representación do cadro de persoal da entidade, mais ambos aspectos non están contemplados.
Por outro lado, apuntan que a rixidez establecida á hora de formular a denuncia –cubrir un formulario, presentación diante da Comisión de Goberno da Mancomunidade– pode constituír un atranco á hora de que unha persoa obxecto de acoso presente a denuncia, mesmo por medo ás represalias. A proposta do BNG é que se ofrezan fórmulas de presentación que non disuadan: unha caixa de correo de recepción, sen formularios previos, mesmo oralmente de inicio, cunha persoa encargada da recepción e traslado directo á comisión instrutora.
Así mesmo, estiman fóra de lugar o papel da Comisión de Goberno da Mancomunidade en todo o proceso. Porque o texto establece que sexan as integrantes esa Comisión de Goberno (os tres alcaldes e tres concelleirxs) as persoas encargadas de recibir a denuncia, tramitar o procedemento de investigación, instruír o expediente, ditaminar e sancionar, se ha lugar. “Que ocorrería se a persoa acosadora formara parte dese grupo?”, pregúntanse. A proposta do Bloque é que as persoas a desenvolver esas funcións sexan designadas pola entidade para cada caso, con criterios que deberan estar tamén regulados no propio protocolo.
Un exemplo de que non pode quedar á vontade da Comisión de goberno a execución do que ditamine unha comisión instrutora é o que aconteceu co caso de acoso moral e por razón de sexo confirmado no seo do GES. O ditame quedou sen efecto pola parálise do procedemento por parte da comisión de goberno, naquela altura presidida polo alcalde de Nigrán, o socialista Juan González. Unha circunstancia que lle valeu á Mancomunidade unha multa de 25.000€ imposta polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola súa ‘conduta pasiva’ diante do delito de acoso que foi recoñecido pola sala do social dese Tribunal.
Ademais, neste momento está aberto un proceso de modificación dos estatutos da Mancomunidade en que, a proposta da actual Comisión de goberno, se pretende a súa eliminación. “De se aprobar, ante quen se formularía a denuncia?” pregúntase a portavoz nacionalista.
Por último, desde o BNG tamén indican que a normativa contempla que as empresas –neste caso o Concello– dispoñan, con carácter previo á redacción dos protocolos, dun plan de igualdade que estabeleza medidas tendentes a acadar o obxectivo da igualdade entre mulleres e homes e a eliminar a discriminación por razón de sexo na totalidade dos ámbitos. “Ese plan de igualdade tampouco existe, nin no concello nin na mancomunidade”, lembra Rodríguez Pumar.
“O máis importante dun documento como este, o seu maior valor, reside en que asegure un proceso garantista. E traen un ‘copia e pega’ que non serve para garantir dereitos”, critica a voceira nacionalista. “Deberían presentar un protocolo propio do Concello. Desde o BNG levamos seis anos solicitándoo. Sen tempo non foi, falla a vontade política.”
O BNG seguirá a insistir en que o goberno de Ferreira faga os deberes e se dote dun plan de igualdade e dun protocolo de prevención do acoso específicos para o Concello e que garantan os dereitos das súas traballadoras e traballadores.
