O BNG insta ao goberno de Paco Ferreira a incluír na reforma da Avenida do Conde, no centro da Vila de Gondomar, tanto a conexión á rede de saneamento municipal para cada bloque de vivendas dos números 9, 11 e 13 desa avenida, como o adecentamento do leira-aparcadoiro que linda con eles.

Na súa liña de poñer o estético e non urxente por diante do necesario, o goberno local presentou ao plan de obras e servizos da deputación de Pontevedra deste ano 2025 un proxecto para ‘reordenación do tráfico e do espazo público’ na Avenida do Conde, valorado en 553.297,55€, máis outro para a ‘reforma do cruce’ desa avenida coa rúa Emigrante, por un importe de 93.065,14€.

Desde o BNG consideran que tanto a actuación de mellora nun saneamento que afecta a vinte e sete vivendas, como o adecentamento do leira-parc situado detrás delas, “deberían caber nesa cifra que Ferreira pretende gastar no tramo que vai do cruce coa rúa Emigrante até a rotonda da circunvalación”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

Unha deficiencia de hai máis de 30 anos

Os edificios en cuestión, situados en pleno centro da vila e que ían ser inicialmente pisos de iniciativa privada cunha soa vivenda por cada unha das tres plantas, acabaron reconvertidos en vivendas sociais, pasando de nove a vinte e sete, de moita menor calidade construtiva e con estrañas adaptacións.

Unha delas é que todos os domicilios verten a un único colector de augas residuais, de sección insuficiente para o volume de vertido e que discorre polos baixos dos edificios. Ademais do risco de colapso do cano, esta situación provoca en ocasións problemas de evacuación, mesmo con problemas de retroceso e saída de augas fecais nas vivendas máis baixas.

Rodríguez Pumar cualifica de “lamentable que os inmóbeis continúen con esa deficiencia sen solucionar máis de 30 anos despois da súa construción en réxime de promoción pública”.

Adecentado do “leira-parc”

As nacionalistas solicitan incluír tamén no investimento de fondos da deputación o adecentamento do “leira-aparcadorio” situado xusto detrás dos edificios das vivendas referidas, entre a rúa Ánimas e a avenida do Conde, e que ten acceso desde o tramo obxecto da reforma.

Un aparcadoiro onde a auga embalsa en tempo de chuvia ou onde, en tempo seco, o movemento dos coches produce unha abafante poeira que sofren os veciños, sen que o Concello fixera nada por evitalo nos cinco anos que leva en uso.

A voceira do BNG insta ao goberno de Ferreira a introducir nos proxectos as modificacións necesarias para lle dar solución aos problemas referidos: “xa que decide gastar nada menos que 650mil euros en “humanizar” un espazo de escasos 300m, non estaría de máis que lle dera un trato humano ás veciñas e veciños deses edificios proporcionándolles unha mellor calidade de vida”.