O deputado do BNG Brais Ruanova emprazou á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a, “por unha vez na súa vida, antepoñer os intereses da xente por riba dos intereses das empresas”, reclamándolle que “exerza de goberno” e atenda as preto de 50.000 alegacións presentadas contra as centrais hidroeléctricas reversibles de auga mariña proxectadas en Portecelo (O Rosal) e Fonte das Mañas (Oia).
Nunha pregunta formulada durante el Pleno do Parlamento, Ruanova reclamoulle ademais á conselleira que “non se escude detrás das técnicas e dos técnicos” da Consellería á hora de tomar decisións políticas sobre dous proxectos que son “unha broma de mal gusto”, que carecen de rigor técnico, e que constitúen unha “temeridade medioambiental” e unha “agresión especulativa” con afección na serra da Groba.
“Pretenden almacenar case tres millóns de metros cúbicos de auga salgada alí onde hai acuíferos de auga doce dos que se abastece a poboación local, pretenden mobilizar toneladas de terra nun espazo declarado de interese xeolóxico e pretenden atentar tamén contra o litoral”, advertiu.
Ruanova considerou que, xunto a ameza medioambiental que supoñen estes dúas centrais, a “falta de rigor técnico” debería ser “xustificación suficiente” para desestimar a súa tramitación. Denunciou, neste punto, a fragmentación “artificial e milimétrica” dos proxectos para evitar a avaliación ambiental ordinaria.
Proba diso é que as dúas centrais hidroeléctricas reversibles, engadiu, comparten o mesmo enxeñeiro redactor, o mesmo perfil corporativo e a mesma infraestrutura de evacuación. Ademais, precisou, ambas inclúen como aval técnico un documento xaponés de 1999 sobre unha planta piloto en Okinawa “que ignora por completo a realidade xeolóxica e ambiental do noso territorio”.
Tras subliñar a relación dun ex dirixente do PP cos estes dous proxectos e diante da resposta por parte do Goberno de Rueda, o deputado nacionalista emprazou a conselleira a “non esquecer que ocupa unha cadeira no Consello de Goberno da Xunta, non unha cadeira no consello de administración dunha empresa”.
“Non pode escudarse sempre detrás das técnicas e dos técnicos da Consellería, porque vostede ten que exercer do goberno. E se non, afórrelle aos galegos e ás galegas os 80.000 euros que costa mantela de conselleira e deixe en mans dos e das técnicas a Consellería”, sostivo.
O debate no Pleno en torno as centrais no Baixo Miño foi seguido desde a tribuna de convidados por un grupo de veciños da comarca, entre os que se atopaba a alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández. Tras o debate no hemiciclo a delegación veciñal trasladou directamente á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, as súas inquedanzas en torno aos proxectos.
