O BNG de Gondomar lamenta que o Alcalde pretenda enganar á veciñanza co amago de aprobación de proxectos de saneamento que levou ao último pleno. “É unha nova ‘ferreirada’, unha nova improvisación, nun intento desesperado e inútil de taparlle a boca a quen lle di que o saneamento e os servizos básicos en xeral non son unha prioridade para o seu goberno”, lamenta Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG.
Rodríguez solicitou que ese punto fora retirado da orde do día por carecer de informe do departamento de intervención municipal. Un informe que é preceptivo antes da aprobación de calquera expediente que poida producir dereitos ou obrigas de contido económico para a entidade local. Mais o Alcalde non estimou a petición e continuou co debate.
A organización nacionalista traslada que “claro que queremos que se aproben proxectos para a ampliación dos servizos básicos municipais, para ese fin levamos anos presentando propostas e alternativas que o goberno local sempre rexeita”. Pero o que Ferreira pretendía aprobar no pasado pleno “non era nin minimamente presentable”.
A proposta que o goberno pretendía aprobar constaba de catro ‘proxectos’ a incluír, como actuacións de obrigado cumprimento e con cargo ao investimento inicial de 1.140.000€ previsto no estudo de viabilidade económica do contrato de concesión dos servizos de abastecemento e saneamento, para a empresa a que se lle adxudique o futura do concello de Gondomar. Así mesmo, incluía outras cinco actuacións a considerar polas empresas que concursaran na licitación do contrato, para teren máis puntuación.
A primeira das dúbidas sobre a validez das propostas de alcaldía radicaba en que as actuacións previstas eran maioritariamente de saneamento novo, e o que recolle o plan de viabilidade é que ese investimento inicial ten como finalidade levar a cabo as melloras necesarias nas redes existentes de abastecemento y de saneamento.
Por outro lado, á falla de informes de secretaría e intervención municipais, sumábanse outras irregularidades que o BNG detectaba na proposta do goberno. Así, das nove actuacións a aprobar, seis non tiñan os prezos actualizados, sete non contaban con todos os informes ou autorizacións sectoriais pertinentes e en vigor; e das catro propostas incluídas no chamado investimento inicial obrigado, tres non eran máis que memorias valoradas, non proxectos maduros.
Para alén desas carencias, para o BNG non procedía a aprobación da proposta da alcaldía por non existir un estudo técnico da situación actual das redes, por descoñecer se as infraestruturas indicadas na proposta eran as tecnicamente procedentes, se eran factibles e compatibles coas canalizacións existentes (polas seccións, materiais, antigüidade), e se eran as tecnicamente precisas e motivadas tendo en conta a situación actual do servizo e as necesidades futuras.
Contra esta nova mostra incompetencia do goberno do PSOE, contra esta nova “ferreirada”, Rodríguez volveu reiterar a proposta seria do BNG: “un Plan municipal para o saneamento integral do Concello de Gondomar, ben planificado e priorizado, acompañado dun programa real de investimentos, e contando sempre, sempre, coa participación veciñal”.