A celebración do Día de Rosalía de Castro, dedicada á máis grande e universal escritora galega de todos os tempos, con recoñecementos e actos por toda a xeografía galega, «foi esquecida por primeira vez desde fai anos na Guarda, polo goberno de coalición do PP e Celso Fariñas«, indican desde o BNG.

«Rosalía representa a potencia da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa identidade como país. É unha figura que nos une e nos proxecta ao futuro desde o que somos. O Goberno do Concello da Guarda, unha vez máis colabora na negación dos referentes máis claros da nosa cultura, do noso idioma e das posicións máis comprometidas da nosa sociedade co  progreso e a liberdade. Lembremos que fai só uns meses renunciaban tamén a unha subvención para o impulso do galego e a outra para a eliminación de simboloxía fascista», apunta Anxo Baz.

«Acoso e derribo contra o que somos e contra a nosa historia, produto da aposta antigalega e reaccionaria que o Partido Popular de Roberto Carrero trata de impoñer desde a súa chegada ao goberno, da man do concelleiro de cultura Celso Fariñas, que a única preocupación que ten, é ficar pegado a unha cadeira e o seu salario, aínda que iso supoña ir en contra dun cada día máis que dubidoso ideario ou atentar contra a memoria dunha figura como a de Rosalía de Castro», conclúe Baz.