O BNG de Gondomar levará ao pleno da vindeira semana unha moción con medidas urxentes e inmediatas no camiño de regularizar o servizo de abastecemento de auga na parroquia de Vilaza. «A organización nacionalista acorda esta iniciativa ante a ausencia, por parte do goberno local do PSOE,  de propostas para o debate plenario«.

Ao estar previsto o pleno para o vindeiro xoves día 1, adiántase a asemblea veciñal inicialmente convocada para o día 2, ao mércores 31 de agosto ás 20:00h no Centro Cultural de Vilaza. Nesa reunión farase a recompilación e o reconto das sinaturas recollidas entre a veciñanza para presentar no concello e, de ser o caso, acordaranse novas accións a desenvolver.

Pola súa parte, «o BNG, do mesmo xeito que na asemblea anterior, trasladará a veciñas e veciños toda a nova información a respecto da problemática do servizo de subministración da auga na parroquia, así como a proposta que presentará para o debate e aprobación no pleno».

O Goberno local non presenta propostas concretas

Malia ter convocado por fin, para o pasado luns 22 de agosto, a Xunta de Portavoces municipais solicitada dende había un mes polo o BNG, para a ‘procura dun acordo unánime de todos os grupos políticos para a municipalización do abastecemento de auga de Vilaza no próximo pleno do mes de setembro’, o goberno local non presentou ningunha proposta concreta nin por escrito. “Obviamente, o Alcalde non podía pretender acordar nada cun papel en branco”, explica Rodríguez, “polo que o BNG manifestou que non podía pronunciarse nese momento”.

Agora está convocada a comisión informativa de asuntos do pleno e, inexplicablemente, non aparece na orde do día ningún punto referido a auga en Vilaza. E tal e como figura no Regulamento Orgánico Municipal, ‘non se incluirá na orde do día’ das sesións plenarias ‘ningún asunto que non fose ditaminado previamente pola respectiva Comisión Informativa’, polo que todo indica que o goberno non vai propoñer nada ao respecto.

A proposta do BNG diante da urxencia de resolver o problema

Para o BNG, a urxencia de resolver ‘o problema’ da auga en Vilaza vai máis alá da necesidade de  regularizar a situación administrativa ou económica do servizo nesa parroquia. A urxencia ten a ver coa necesaria resolución dun ‘problema’ creado por e desde gobernos do Concello, e co imprescindíbel resarcimento á veciñanza por preto de dez anos de incapacidade deses mesmos gobernos para resolvelo. A maiores, e máxime no actual contexto de seca, esa urxencia vén dada tamén pola imperiosa necesidade de evitar perdas de auga e consumos excesivos.

É en base a esas razóns, e por ser o da auga un servizo de competencia municipal, que o BNG fai a súa proposta encamiñada a que o Concello proceda a se facer cargo, no inmediato, do mantemento e supervisión da rede de distribución existente na parroquia de Vilaza, realizando o control sanitario e de consumo da auga, prestando o servizo de abastecemento nas mesmas condicións previstas no contrato formalizado entre o Concello e a concesionaria para o resto do servizo municipal, para pasar a ter as persoas usuarias de Vilaza os mesmos dereitos e as mesmas obrigas que as demais do concello.