O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado Brais Ruanova, rexistrou iniciativas no Parlamento Galego para instar a que a Xunta «cumpra cos compromisos adquiridos co Concello de Oia no que ten a ver co saneamento da súa zona litoral«. En palabras de Ruanova, “o saneamento de Oia continúa a ser unha das materias pendentes do Partido Popular” xa que despois de cinco anos o Goberno galego “segue a demostrar que a súa palabra non ten valor algún”.

Os nacionalistas lembran que no mes de maio de 2020, Augas de Galicia adxudicou o servizo para a redacción dun estudo de alternativas para mellorar a depuración da faixa costeira do Concello de Oia. «O contrato, no que se prevía un investimento de 18.000 euros e tiña un prazo de execución de 4 meses, foi adxudicado a Ingenia Proyectos. Mais, despois disto, nada máis transcendeu á veciñanza do concello», aseguran os nacionalistas.

Indican tamén que no 2023 a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade naquel momento, Ethel Vázquez, anunciaba a través dos medios que se ía a executar o proxecto dunha nova depuradora en substitución dos sistemas compactos dos que se derivan grande parte das problemáticas, «mais a realidade é que na actualidade os problemas vencellados ao saneamento seguen a deixando relegada á veciñanza de Oia a ser galegas e galegos de segundo nivel” remarcou Ruanova. É por iso, que o BNG «insiste en que porá todo o seu empeño en dotar o concello dun sistema de saneamento digno”.

Pola súa banda o portavoz municipal Xosé Antón Rodríguez lembrou que o BNG leva trasladando as problemáticas derivadas do saneamento ao pleno municipal, onde “só se deu como resposta a cortina de fume, o que demostra a falta de visión e de interese por parte do Goberno Municipal de Cristina Correa en solucionar unha das maiores problemáticas que padecen as veciñas e veciños».

Rodríguez quixo poñer o acento no último incidente acontecido onde, «a raíz das choivas das últimas semanas, as canalizacións de saneamento volveron colapsar e producíronse vertidos nas rúas que chegaron até o mar«. En palabras do portavoz nacionalista “a alcaldesa ten que deixar de mirar para outro lado» e insiste en que dende o concello «traballen conxuntamente con outras administracións para solucionar un problema que xa ten ocasionado sancións económicas polos vertidos ao mar”.

Polo tanto, o portavoz municipal do BNG insiste en que a formación nacionalista fará un traballo «conxunto dende o ámbito local e parlamentario para corrixir a histórica débeda que o Partido Popular ten co concello de Oia”, remachou.