Xosé Antón Rodríguez (Xúster
Xosé Antón Rodríguez (Xúster)

O pasado 3 de abril, o BNG de Oia achegou por rexistro no concello de Oia unha serie de medidas e propostas para facerlle fronte social, sanitaria e economicamente á situación provocada pola declaración de estado de alarma a raíz da aparición da pandemia do COVID-19.

«Cremos dende o BNG que esta situación extrema e sen precedentes a nivel mundial require dunha altura de miras por parte de toda a clase política Independentemente da  ideoloxía que teña cada un. Por ese motivo, consideramos oportuno e ético ofrecer toda a nosa colaboración o equipo de goberno de Oia porque cremos profundamente que é o momento de estar arrimando o ombreiro conxuntamente polo ben da veciñanza, xa que é a quen nos debemos«, sinala Xosé Antón Rodríguez, voceiro do grupo municipal do BNG no concello de Oia.

Entre as propostas que presentaron está a de crear un grupo de traballo entre tódolos grupos liderado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, para ofrecerlle as veciñas/os do municipio unha mellor resposta ante esta grave situación.

«Insistimos, non é momento de partidismos nin de egos, hai que estar á altura dos acontecementos cando a saúde e a vida da xente está en risco; e preparar tamén o terreo para cando esta situación remate saír dela o mellor posible, non quedando ningún sector en fóra de xogo», apunta o voceiro nacionalista.

«A día de hoxe seguimos esperando resposta por parte da alcaldía as nosas propostas, ou polo menos como acto de boa intención e cortesía cara aos grupos da oposición unha chamada para informarnos como está a situación no noso concello. É totalmente lexítimo que a señora alcaldesa non queira contar nin co BNG nin con ninguén para nun momento como este facer equipo e estar todas a unha, o que xa non é ético é instaurar o “apagón” informativo. Lle guste ou non, a información é un dereito fundamental e democrático, o BNG non só representa ás persoas que nos votaron, tamén representamos como cargos “públicos” que somos ao resto das veciñas/os que non elixiron a nosa papeleta. A pesar desta situación de desinformación seguiremos propoñendo todo o que consideremos beneficioso para a veciñanza, e esperando a súa resposta», finaliza Rodríguez.