Iago Pereira

O BNG en Baiona considera como «falto de ética» á conduta do concelleiro de urbanismo do PP, José Ángel Bahamonde, que ten actividade privada nunha empresa de construción que está obrando na localidade e a súa responsabilidade como concelleiro de urbanismo con adicación exclusiva no concello no que constitúe, para o BNG, «un caso claro de conflicto de intereses».

Neste sentido, o portavoz municipal do BNG en Baiona, Iago Pereira, apunta que “a realidade é que o responsábel político do área de urbanismo do goberno do PP está construíndo no concello de Baiona, xunto a un ex-concelleiro do PP, e contan coa complicidade de Vázquez Almuíña. Máis aló das cuestións legais, o seu comportamento é inadmisíbel e carente de ética polo que debería presentar a súa dimisión.”

Segundo información publicada en prensa o concelleiro de urbanismo ten capacidade de decisión como administrador da empresa de construción de vivendas prefabricadas Encaixa Modular, da que tamén forma parte outro ex-concelleiro do PP o que, ao entender do BNG, «é incompatíbel co posto de concelleiro de urbanismo que ostenta no goberno de Almuíña con adicación exclusiva».

Este comportamento conta coa complicidade de Vázquez Almuíña que defende a conduta do seu concelleiro como queda demostrado coas súas declaracións en prensa dicindo: “Nada que objetar. Considero compatible la actividad privada como construtor de José Ángel Bahamonde con la dedicación exclusiva en la gestión política en el departamento vinculado al sector”, ao tempo que recoñece que coñecía tal situación.