Nos últimos estudos encargados polo Ministerio de Fomento e ADIF, o Goberno do Estado valoraba soterrar un pequeno tramo de vía ferroviaria. Eliminaría o paso a nivel, pero mantería a barreira que provoca o paso do tren polo centro da vila.

É unha solución parcial que defenden tanto PP como o PSOE para O Porriño. Alejandro Lorenzo laiase agora da paralización do proxecto, pendente do estudo da saída sur da alta velocidade desde Vigo, pero nada fixo para promover e reclamar no tempo que leva de alcalde unha solución máis ambiciosa”, sinalou o portavoz do BNG, Pedro Pereira, quen tamén lembra que o PP mesmo «botou en contra dunha moción do BNG que reclamaba o acordo plenario en xullo de 2024 dun soterramento maior da vía do tren».

O BNG ve neste impase unha oportunidade «para esixirmos como pobo un proxecto acorde coas necesidades reais do Porriño. Ao igual que se debe abrir o debate da modificación do PXOM para adecualo a novos usos urbanísticos». O BNG considera a vivenda de protección social, a mellora da mobilidade no conxunto do centro urbano ou o traslado do matadoiro cuestións prioritarias na axenda local do concello. Pereira afirma que “Alejandro Lorenzo acepta o marco que nos queren impoñer desde o Goberno do Estado e non actúa nos asuntos que son da súa competencia. Así deixa claro o pouco interese que ten en avanzar cara a unha resolución real desta histórica demanda veciñal”.

A forza nacionalista defende que a actuación debe servir para conectar o casco urbano co espazo verde do Louro e con Torneiros, gañando un gran espazo público en superficie sobre a vía soterrada. “Non existen problemas técnicos para eliminar o tren en superficie un tramo máis longo ao seu paso pola trama urbana da vila. Trátase exclusivamente de falta de vontade política por parte dos sucesivos gobernos do Estado. PP e PSOE deberían explicarlle á veciñanza o porqué da súa posición, submisa aos intereses partidistas dos seus xefes en Madrid. Pesan máis os intereses de ADIF que as necesidades reais do Porriño. O BNG defende a mesma solución fale onde fale”, afirmou Pereira, lembrando as iniciativas presentadas polo Bloque no Concello e no Congreso defendendo unha solución que non siga hipotecando o futuro do Porriño.

Traslado do matadoiro

No Bloque entenden que a eliminación da vía do tren en superficie ten que vir acompañada tamén do traslado do matadoiro de Frigolouro fóra do casco urbano. «A recuperación integral do río Louro para a xente non será completa mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual. O desenvolvemento urbanístico da nosa vila, a comunicación con Torneiros e a mobilidade no casco urbano non poden estar condicionadas por unha localización que a día hoxe non atende a ningún criterio lóxico. Nin desde o punto de vista ambiental nin pola súa proximidade coas vivendas. Reclamamos que se retomen as negociacións entre a empresa e as distintas administracións e que se abran tamén á participación dos axentes sociais. Evidentemente, defendemos que un futuro traslado non afecte o mantemento dos postos de traballo”, remata Pereira.