O BNG de Gondomar fará mañá, sábado día 7 de marzo, unha recollida de alegacións, dirixidas á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en rexeitamento dos novos proxectos eólicos na Groba que tamén afectan directamente ao concello de Gondomar.
As mesas estarán instaladas pola mañá, de 11:30h a 13:00h, na Praza de Rosalía de Gondomar, e de tarde, desde ás 18h até ás 19:30h, no Centro Cultural de Borreiros, parroquia pola que discorrería a liña de evacuación da electricidade producida polos muíños que pretenden colocar na Groba.
As alegacións recollen os argumentos, contundentes e amplamente documentados, que xustifican a oposición a estes proxectos. O impacto ambiental crítico con afeccións a cursos fluviais, HICs, especies protexidas e vexetación; a ameaza ao patrimonio cultural e etnográfico; e o grave prexuízo a actividades económicas sostíbeis nunha zona de aproveitamento multifuncional do monte que compatibiliza actividades forestais, gandeiras, apícolas e turísticas.
Así mesmo recollen que a afección tamén se estende ao espazo por onde discorren os dez quilómetros de liña de evacuación que, partindo de Oia e pasando por Baiona, chegarían até Gondomar, concretamente á SubEstación de Unión Fenosa Distribución xa existente en Borreiros.
Desde o BNG animan á veciñanza a presentar alegacións dentro do período de exposición pública que remata o vindeiro 18 de marzo. Poñen a disposición un modelo de alegación que poden cubrir nas mesas de recollida ou descargar da web do BNG de Gondomar.
