Concello de Gondomar
ALFREDO // Concello de Gondomar.

O Bloque Nacionalista Galego, BNG, a través da súa Responsábel Local, Manuela Rodríguez, e dentro do prazo establecido, presentou por rexistro un total de trece emendas á proposta de Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Gondomar aprobada inicialmente no Pleno Municipal do 19 de abril de 2018.

Trátase dun fato de achegas que se engade ao debate, co interese e a convicción de que mellorarán o resultado definitivo da ordenanza.

Neste conxunto de propostas salientan conceptos como a oferta positiva da lingua na atención pública (iniciar o tratamento en galego), a eliminación da linguaxe sexista ao longo de todo o documento, o emprego do idioma galego polos cargos do Concello en todos os actos e intervencións públicas nos que participen por razón do seu cargo, a transversalidade da normalización a todos os departamentos e concellerías, ou a creación do Consello Social da Lingua, no que estarían presentes todos aqueles axentes sociais que deban ser implicados na normalización e dinamización da nosa lingua (culturais, veciñais, empresariais, do comercio,…).

Como mellor xeito de explicar as achegas presentadas, o BNG propón manter unha xuntanza coa comisión redactora do texto. Solicita ademais, en calidade de alegante no proceso de exposición pública, a posibilidade de intervir no Pleno Municipal que debata e aprobe esta ordenanza, para unha mellor exposición e argumentación das alegacións presentadas.

O BNG valora positivamente que o concello se dote desta ordenanza, tal como a organización nacionalista demandou en outubro pasado ante as arbitrariedades e as agresións contra ela producidas a raíz dunha denuncia da garda civil por uns sinais rotulados en galego, xa que contribuirá á normalización e dinamización do noso idioma.