O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar no Val Miñor as súas medidas para afrontar a escalada dos prezos. A fronte nacionalista realizou actos informativos nos mercados de Sabarís e Gondomar chamando a participar na manifestación convocada polas nacionalistas o domingo 3 de abril en Compostela para esixir unha resposta urxente tanto do Goberno español como da Xunta fronte a carestía da vida.

Desde o BNG denuncian que o incremento disparado da inflación acadou “niveis insoportábeis” para as clases traballadoras e populares, os máis elevados dos últimos 30 anos en Galiza. Diante desta destrución das condicións da vida, a fronte nacionalista propón 10 liñas de actuación “concretas e posíbeis” —no marco da campaña Os prezos soben, os teus cartos baixan: Fagámonos valer—  que, aseguran, “só esixen de vontade política” por parte do Executivo español de PSOE-Unidas Podemos e Goberno galego do PP.

As medidas do Bloque para abordar a actual crise pasan por apostar nunha fiscalidade máis xusta e por unha “enérxica e decidida” intervención pública para frear a escalada da inflación. Entre elas, destaca a solicitude de controlar os prezos da enerxía, unha baixada do IVE dos produtos e servizos básicos, o aumento das pensións e dos salarios máis baixos, a redución das peaxes e dos impostos de hidrocarburos, a protección dos sectores agro-gandeiro e marítimo-pesqueiro, a intervención no mercado da vivenda para facilitar o acceso social, a revisión á alza das bolsas para estudantes e o incremento das axudas sociais como o Ingreso Mínimo Vital e tamén das partidas contra violencia machista e para familias monoparentais.

Por estes motivos, a organización nacionalista chama á veciñanza do Val Miñor a participar este domingo 3 de abril na manifestación convocada polas nacionalistas en Santiago de Compostela, a partir das 12 horas desde a Praza Oito de marzo. Contará con servizo de bus de balde con saídas de Vigo e do Val Miñor.