Ante a situación de precariedade na que está instalado o Servizo de Emerxencias da Mancomunidade do Val Miñor, que acabou provocando as mobilizacións que están a desenvolver os seus membros durante todo este mes e que os levará este vindeiro luns a manifestarse outra vez na feira de Sabarís, o BNG rexistrará mocións en Nigrán, Gondomar e Baiona, co obxectivo de tentar que os concellos reclamen ao organismo supramunicipal a convocatoria da Comisión creada ao efecto no seu seo, coa fin de acometer seriamente a definición e reorganización completa do servizo, afondando no seu carácter de Servizo Público Esencial.
Dende a formación nacionalista afirman que «con esta iniciativa pretendemos dar forma aos compromisos adquiridos por todos os membros da Xunta da Mancomunidade nas sucesivas comisións de seguimento do GES, explicitándoos a través dun debate que dea lugar a posicionamentos claros e públicos, evitando ambigüidades. Unha petición, a da convocatoria da Comisión, xa realizada por nós dun xeito informal ao remate da reunión da comisión da piscina de A Ramallosa, e que foi recibida con innumerables pegas por parte de representantes de PP e PSOE».
«Queremos sinalar» indica Xavier Rodríguez Fernández, Membro da Xunta da Mancomunidade do Val Miñor «que esta estruturación dun servizo fundamental como o de emerxencias, debe ser distinta, e en todo caso complementaria, da simple negociación sindical cos traballadores, para abranguer a ordenación das emerxencias nunha comarca, a do Val Miñor, que con case 44.000 habitantes censados e unha poboación na época estival superior aos 100.000, precisa dun servizo público de emerxencias con base no val, ben dotado e con capacidade de resposta».
«Para iso temos que esixir de Xunta e Deputación que asuman a súa responsabilidade no financiamento suficiente dunha competencia que ten atribuída, pero non por iso no BNG estamos dispostos a que, mesmo ante a insatisfactoria achega que por parte doutras administracións se puidese dar, renunciar a un servizo digno e, pese as carencias, moi ben valorado polos veciños,» engade.
«Dende logo será un obxectivo básico da nosa organización o establecemento dunha estrutura estable que remate, entre outras cousas, coas temerarias quendas dun só bombeiro» finaliza.