O Bloque Nacionalista Galego (BNG) propón ampliar as competencias e fomentar a participación veciñal na Mancomunidade de Concellos do Val Miñor. A fronte nacionalista vén de presentar 20 emendas á modificación dos estatutos para fortalecer o papel da entidade supra-municipal en Baiona, Gondomar e Nigrán fronte á pretensión do PSOE e do PP de “baleirala de contido”.
A portavoz municipal do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, criticou o “desinterese” de ambas forzas políticas por dotar de máis peso á entidade. Nese sentido, criticou a intención dos actuais alcaldes de eliminar a Comisión de Goberno e a posibilidade de constitución de comisións informativas, que o BNG considera necesarias para que a toma de decisións sexa colexiada e represente os intereses dos tres concellos do Val de Miñor.
Dende o Bloque destacaron tamén a necesidade de fomentar a participación na Mancomunidade a través da creación do Consello Veciñal. E piden tamén ampliar a dous anos o período da presidencia na Mancomunidade para “dar maior continuidade e estabilidade política e administrativa” ao labor de goberno, así como facilitar unha planificación a medio prazo.
Pola súa banda, o voceiro nacionalista en Baiona, Iago Pereira, subliñou a importancia de ampliar as competencias e os servizos públicos que presta a Mancomunidade. Entre outros, propuxo a promoción da igualdade, a normalización da lingua propia, a recollida e atención de animais extraviados e abandonados e a creación de medios de comunicación audiovisuais. Chamou ademais a manter como fins da entidade a protección do medio ambiente, o abastecemento de auga e o saneamento ante a pretensión do PP e do PSOE de eliminalas.
Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG en Nigrán, Xavier Rodríguez, reclamou que todas as forzas políticas representadas nas respectivas corporacións municipais fagan parte da Xunta da Mancomunidade. A ese respecto, considerou que cada organización debe ser quen decida as persoas representantes, en lugar da maioría plenaria en cada concello. Unha demanda que busca evitar situacións como a actual onde, a xuízo da fronte nacionalista, o presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González, priorizou o seu interese partidario por riba da pluralidade.
Dende o Bloque trasladaron tamén emendas para corrixir os estatutos da Mancomunidade para “eliminar a linguaxe sexista e substituíla por unha redacción inclusiva”, así como para pasar a utilizar o topónimo correcto do Val de Miñor.
