Manuela Rodríguez Pumar

O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar, a través da súa Portavoz Municipal, Manuela Rodríguez, ven de rexistrar unha solicitude de convocatoria da Xunta de Portavoces, na que poder coñecer «de primeira man e de boca do Alcalde» a situación respecto da COVID-19 no concello.

A solicitude ten a ver coa nova, coñecida a través dos medios de comunicación, da decisión do goberno local dun novo aprazamento da axenda cultural municipal, desta e da vindeira semana, e a falla de información a respecto das causas que o xustifican.

«Este aprazamento chega despois do realizado o pasado 12 de agosto por mor da localización dun gromo de COVID-19 que afectaba a 7 persoas no noso concello, circunstancia da que a oposición tamén tivo que se informar pola prensa«, indica a voceira nacionalista.

«O Alcalde incumpre novamente o compromiso, adquirido durante confinamento, de manter puntualmente informada á oposición en todo o que ten a ver cos efectos da pandemia no noso concello, tanto no plano sanitario como no económico e social, e impide, dese xeito, a necesaria colaboración para palialos«, sinala.