Iago Pereira

O BNG critica que á conduta pouco ética do concelleiro de urbanismo do PP, José Ángel Bahamonde, que ten actividade privada nunha empresa de construción que está obrando na localidade e a súa actividade política como xefe do departamento de urbanismo de Baiona, úneselle agora, segundo o publicado en prensa, que a empresa na que é socio Encaixa Modular SL con sede no concello de Gondomar carece de licencia de actividade e de licencia urbanística.

Ademais- din- «non tramitou ningún expediente urbanístico para solicitar os permisos e nin tan sequera está inscrita no padrón de servizos (nin na de subministro de augas nin na de recollida do lixo) aínda que a Policía Local de Gondomar confirma que a empresa existe e está na parroquia de Borreiros».

Neste sentido, o portavoz municipal do BNG en Baiona, Iago Pereira, apunta que “a nova realidade é que o responsábel político da área de urbanismo do goberno do PP está construíndo no concello de Baiona, xunto a un ex-concelleiro do PP, a través dunha empresa que carece de licencias e que nin tan sequera paga impostos”.

Pereira continúa dicindo que “a todo isto temos que sumarlle a falla de explicacións por parte do concelleiro Bahamonde que se limita a declarar que “la empresa es legal, por supuesto, pero prefiero no decir nada al respecto”, e a consabida complicidade de Vázquez Almuíña que recoñeceu saber e defender estas actividades do seu concelleiro de goberno”.

O nacionalista remata declarando que “reafirmamos a petición de dimisión do número 3 do PP, José Ángel Bahamonde, xa que estamos ante unha situación pouco ética, con infraccións legais graves en xeral, e inadmisibles para un concelleiro de urbanismo en particular. Ao mesmo tempo, esiximos unha explicación ao alcalde Vázquez Almuíña sobre todo este asunto xa que, se como dixo é coñecedor de todas estas actividades do seu compañeiro de partido, debe actuar en consecuencia”.