O BNG de Gondomar reclama ao Goberno local información sobre os vertidos denunciados pola Plataforma de afectados polo polígono A Garrida-A Pasaxe. A organización nacionalista solicita ao Goberno de Ferreira explicacións ante o incumprimento dunha sentenza que obriga ao Concello.
A sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Vigo, datada en febreiro deste ano, viría obrigar ao Concello a executar un recurso de reposición da legalidade urbanística no polígono da Pasaxe.
A resolución, ditada tras un recurso da Plataforma de Afectados polo Polígono Garrida-Pasaxe (AGAPA), recoñece que o Concello fixo deixación de funcións ao non dar resposta ás reiteradas denuncias veciñais que alertaban de movemento e deposito de residuos, modificacións na rasante e actividades industriais sen licenza municipal nin autorización ambiental. Nese tempo o goberno municipal non adoptou ningunha medida efectiva para garantir o cumprimento da legalidade, a pesar das reiteradas advertencias.
A voceira do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, acusa ao goberno de Paco Ferreira de neglixencia e opacidade, e advirte de que o BNG “non vai permitir que se siga agochando a realidade nin que se poña en risco a saúde pública e o medio ambiente”.
Rodríguez afirma que «a sentenza é clara e recolle que Concello incumpriu as súas obrigas e e permitiu unha situación de ilegalidade prolongada”. Desde o BNG esíxenlle ao goberno municipal que proceda a repoñer de inmediato a legalidade urbanística e ambiental e que dea explicacións públicas tanto do sucedido como das actuacións levadas a cabo para reverter a situación.
O Bloque requerirá ademais a realización dunha inspección ambiental exhaustiva para determinar a natureza dos materiais depositados e a posible contaminación, e a depuración de responsabilidades de se confirmar esta.
