O BNG reclama flexibilidade para a frota artesanal na aplicación do regulamento de pesca. Esta reivindicación defendida xa polos nacionalistas nos parlamentos europeo, español e galego chega tamén este mércores ao pleno do Concello da Guarda.
O portavoz municipal do BNG na Guarda, Anxo Baz, manifestou “a pesca artesanal, aínda mantén unha importancia económica e social nas vilas costeiras e contribúe a fixación de poboación, creación de emprego e dinamización da economía local. O regulamento europeo de pesca, está pensado para os grandes buques industriais e introduce unha carga burocrática e tecnolóxica absolutamente inasumíbel para embarcacións pequenas nas que os propios patróns tamén faenan. É unha normativa que ignora as características da nosa frota de baixura e a súa singularidade”.
Os nacionalistas reclaman que na próxima revisión da política pesqueira común se estableza unha diferenciación clara entre a pesca artesanal e a pesca industrial que atenda a criterios como distancia ao caladoiro, duración das mareas, artes empregadas ou número de tripulantes.
Tamén esixen da Xunta de Galicia que exerza e defenda as súas competencias en augas interiores, desenvolvendo normas propias de control adaptadas á realidade da frota artesanal.
