O BNG ven de presentar no concello da Guarda unha moción sobre o 25 de novembro. Se ben é certo que temos dado pasos adiante como sociedade na visibilización da violencia machista, queda moito por facer. No ano 2018, rexistraronse en Galiza un total de 540 delitos de tipo sexual, unha agresión e media o día.

A Fiscalía Xeral do Estado alerta sobre o aumento da violencia e destes delitos entre a mocidade e relaciónao directamente coa preeminencia da pornografía nas redes sociais e como forma de educación e socialización sexual.

A OMS define a violencia sexual como calquera acto sexual, a tentativa de consumar un acto sexual ou outro acto dirixido contra a sexualidade dunha persoa mediante coacción por parte doutra persoa, independentemente da súa relación coa vítima, e en calquera ámbito.

Parece impensábel que a día de hoxe a nivel estatal isto non se contempla nin na lexislación, nin na práctica de ámbitos que son da súa competencia, como é o da xustiza. Desta forma vemos como por exemplo un caso de violación múltiple non sería tratado nin como violencia machista nin nun xulgado específico.

A esta cuestión hai que engadir as deficiencias dun sistema xudicial absolutamente decimonónimo e patriarcal no que se cuestiona a veracidade da vítima, non se contempla o consentimento e mantéñense unhas tipificacións legais inadecuadas que non contemplan a crueldade e especificidade da violencia sexual nin a esta como violencia machista.

«Dende o BNG, reclamamos a introdución no marco legal do concepto do consentimento, máis recursos que garantan espazos adecuados nos xulgados, unidades de valoración forense integrais, atención xurídica e psicolóxica gratuíta e 24 horas, programas específicos de formación para os profesionais que traballan na prevención e atención da violencia machista ,  En materia de prevención a implantación de contidos de educación afectivo-sexual en todas as etapas do currículo educativo como papel fundamental para superar o papel da pornografía como fonte de información para a mocidade».