O Pleno aprobou onte unha iniciativa presentada polo Bloque solicitando o compromiso dos grupos políticos para modificar o PXOM nos polígonos onde Consorcio Zona Franca de Vigo (CZFV) proxecta construír o Centro de Servizos ao Transporte, e non contemplar usos industriais e loxísticos nestes espazos.
A Corporación Municipal acordou por unanimidade o pasado mes de abril, posicionarse en contra da execución desta infraestrutura na localización prevista en Torneiros, «polo que entendemos preciso avanzar nun novo modelo de ordenación nesta zona». «O BNG ten defendido sempre protexer urbanísticamente este lugar. No seu momento presentamos alegacións ao PXOM aprobado pola dereita do Porriño no 2003, e que hoxe continua en vigor, para evitar que os terreos máis próximos ás vivendas fosen contemplados como industriais».
Desde o Bloque «acusamos ao alcalde de buscar saír na foto pero non facer nada do que ten na súa man para protexer Torneiros desta ameaza para a vida da parroquia. O goberno do PP non iniciou os trámites para impulsar desde o Concello do Porriño a declaración do río Louro e os seus regos Laxes e Fonteliño como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). Incumpren así o acordo plenario conseguido a instancias do BNG no mes de maio, e que contaba con partida orzamentaria para encargar o estudo necesario para solicitar a ENIL ante a administración autonómica».
Esta figura de protección ambiental que outorga a Xunta de Galicia permitiría poñer en valor a conca do río Louro, un espazo natural singular que se pode ver afectado pola construción dun centro de transportes que o degradaría por completo. «A iniciativa presentada polo Bloque abarca o tramo desde o paseo do río ao seu paso polo casco urbano até as Gándaras de Budiño, co fin de crear un corredor ecolóxico de flora e fauna asociado ao Louro e á riqueza dos seus ecosistemas», rematan os nacionalistas.
