O BNG de Gondomar reclama que as obras de mellora da seguridade viaria que se van acometer na parroquia de Borreiros contemplen unha actuación integral tamén no que afecta aos servizos básicos municipais e os de subministración de telefonía e iluminación.

O contido do proxecto denominado ‘adecuación de vía e mellora de servizos para creación de itinerario peatonal” na parroquia de Borreiros’, así como as implicacións que terá para a seguridade viaria e para o futuro da zona, foi un dos puntos abordados na xuntanza veciñal realizada polo BNG na parroquia de Borreiros.

Da man da portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, as nacionalistas achegáronse a Borreiros para lle expoñer o proxecto e para coñecer de primeira man as opinións e preocupacións da veciñanza, en contraste coa ausencia do goberno municipal e do alcalde, Paco Ferreira, que en ningún momento a tivo en conta.

Rodríguez fixo exposición das actuacións previstas que, no que respecta á seguridade viaria, non inclúen a realización de beirarrúas como demandaban veciñas e veciños, senón que se limita a  proxectar unha plataforma continua e ao mesmo nivel que a destinada aos vehículos.

Por outra parte, lonxe do que o alcalde vendeu na prensa, a actuación non contempla ‘a renovación das distintas infraestruturas básicas’. Así, o proxecto só indica que renovará a tubaxe de abastecemento de auga que se atope danada. No caso do saneamento e da recollida de augas pluviais non está prevista ningunha actuación. Iso significa que as redes existentes permanecerán sen renovar ou ampliar, actuación que o BNG considera imprescindíbel.

No que respecto a outras subministracións, o proxecto contempla deixar preparadas as canalizacións soterradas para a futura rede eléctrica, as telecomunicacións e as luminarias. Porén, a instalación destes servizos non se realizará durante as obras actuais, senón que quedará pendente de que Concello e empresas subministradoras decidan acometela posteriormente.

Neste sentido, a voceira do Bloque cuestiona que non se aproveiten as obras que se van executar agora para deixar a actuación completamente rematada. “Se coas obras xa van abrir a vía e se van facer as canalizacións necesarias, por que non se fai xa a instalación e se deixa todo finalizado?”, pregúntase Rodríguez. Para a nacionalista «non ten sentido deixar servizos e instalacións pendentes, obrigando a volver abrir a vía máis adiante e a xerar novas molestias para a veciñanza.”

Rodríguez considera que un investimento de 1,3M€ debería ofrecer a oportunidade de realizar unha actuación verdadeiramente integral e moito máis ambiciosa en Borreiros. Aínda con reservas, agarda que, de se levar adiante ese proxecto, sexa unha boa solución para resolver os problemas de mobilidade en Borreiros e que non acabe sendo un parche como o das obras realizadas en 2024.

A voceira do BNG vén de trasladar ao goberno local estas propostas que ademais de reflectir á súa propia posición recollen tamén o sentir xeral da veciñanza presente na xuntanza informativa no que ten que ver cos aspectos relacionados coa mobilidade a seguridade viaria, a accesibilidade e a mellora das subministracións e dos servizos básicos municipais.