O BNG reclama que se atendan ás demandas do persoal do PAC de Tui en materia sanitaria e laboral

A portavoz municipal do BNG en Tui, Carme Núñez,  reclama , a través dunha moción, do persoal do PAC, que será defendida no vindeiro pleno, que se  atendan as demandas dos profesionais que prestan servizos no punto de atención continuada do SERGAS (PAC) de Tui tanto as que afectan a condicións laborais como de dotación de recursos materiais e humanos para garantir unha correcta atención sanitaria.

Denuncian que as condicións de traballo “empeoraron nos últimos anos tanto en recursos humanos e materiais como as condicións de retribucións, ao tempo que aumentou a presión asistencial“. Os profesionais aseguran que a situación laboral “está sendo insostible e, polo tanto, a repercusión asistencial é evidente“, advirte Carme Núñez.

En concreto, reclaman equipos completos de persoal médico e de enfermería no PAC de Tui, porque “a atención a emerxencias sen persoal adecuado no é aceptábel nun país desenvolvido“. Esta semana pasada vivimos a grave situación de non ter médico no PAC da nosa vila durante máis de 2 horas, pois un dos doutores tivo que cubrir unha ausencia no PAC da Guarda, e outro tivo que saír cunha urxencia. Igualmente, respectar os tempos de traballo do persoal conforme ás directivas europeas para garantir unha atención eficiente en beneficio das persoas doentes, con independencia do tipo de contrato, “porque o fraccionamento de contratos non pode empregarse para non cumprir cos descansos“.

Os nacionalistas esixen tamén recoller a petición de que calquera avaliación de derivación hospitalaria sexa eliminada das listas de obxectivos, xa que as derivacións non son opcionais senón que seguen criterios médicos. Establecer criterios obxectivos para a dotación de persoal no PAC en base á carga asistencial, dispersión, distribución, distancia ao hospital e número de mobilizacións polo 061. E tamén garantir o dereito á asistencia, así como as demandas de melloras nas condicións laborais e salariais deste persoal.

Así, o BNG de Tui  lembra  a todos os veciños que continúa coa campaña de recollida de sinaturas, o xoves diante do PAC de Tui, de cara a recabar un importante apoio social coa finalidade “de presionar ao Partido Popular para que non lle tome o pelo á veciñanza de Tui e resolva dunha vez os problemas que presenta a Sanidade Pública na nosa cidade“.