Hai xa máis de cen anos que o movemento feminista situou o 8 de marzo como unha data internacional de reivindicación e loita pola igualdade de dereitos das mulleres. O feminismo galego de base comezou hai cinco anos a impulsar importantes mobilizacións co apoio á folga de mulleres, enfocando a atención no ámbito dos coidados e do consumo sen esquecer a loita contra a violencia machista. Neste ano os colectivos feministas están a reclaman o cumprimento por parte das administracións públicas dalgúns dos compromisos máis urxentes para que a data non se converta nunha celebración rutineira en lugar dun motivo de reivindicación e loita.

«Desde o BNG do Porriño queremos expresar o apoio ás convocatorias do feminismo galego autoorganizado que neste 2022 colocan novamente no centro do debate político e social as consecuencias para as mulleres do sistema económico, social e político. Neste sentido, o noso grupo municipal vén de presentar unha moción que busca o acordo plenario para demandar da Xunta o cumprimento do compromiso de impulsar cláusulas de igualdade na contratación pública galega, a elaboración dunha nova Lei de igualdade que substitúa a 7/2004 para adaptala á realidade do século XXI e instar ao goberno central a aumentar os recursos destinados á inspección laboral«, sinalan os nacionalistas.

Na axenda do feminismo do Porriño «queremos destacar que, entre outras cuestións, queda pendente identificar de forma notoria, visible e recoñecible o nomeamento da Praza 8 de Marzo , situada na Avda. de Galicia, e que sexa o lugar referente na reivindicación e loita pola igualdade de dereitos das mulleres, tal e como se acordou en sesión plenaria por unanimidade a instancia dunha iniciativa presentada polo Bloque no 2018″, apuntan.