O BNG reclama responsabilidade institucional aos gobernos do PP na Xunta e do PSOE no Concello para lle dar unha solución óptima e consensuada aos problemas das enchentes en Gondomar.
Instan a ambas administracións a aparcar as súas leas partidistas polo ben de Gondomar e solicitan unha reunión de avaliación do novo proxecto de Augas de Galicia en que participen os grupos municipais e os colectivos de afectados.
“Non se pode tolerar que un novo episodio das continuas liortas entre PP e PSOE volva poñer impedimentos á prevención das inundacións. É vital actuar para evitar novos danos materiais e que se poidan dar peores consecuencias”, indica a Portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
“Estamos outra vez co cruce de notas de prensa e declaracións entre Concello de Gondomar e Consellaría de Medio Ambiente” en relación á realización das obras para mellorar a drenaxe na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns, “nunha nova escenificación das diferencias coa única finalidade de tirar réditos electorais”, lamenta Rodríguez. “E non é propio de administracións serias facer exhibición pública dos seus desencontros partidistas, deberían ser quen de resolvelo nos despachos”, engade.
Desde a organización nacionalista fan un chamamento á responsabilidade a ambos gobernos e demandan poder acceder a toda a información relativa ao novo proxecto de actuacións para a prevención das inundacións.
Indican que é importante coñecer en que consisten as novas obras “porque os problemas de mobilidade non eran o único que preocupaba do anterior proxecto”. Lembran que tamén existían dúbidas sobre a idoneidade e efectividade das actuacións previstas e que a veciñanza afectada polas inundacións manifestaba que, se ben as obras proxectadas daquela podían aliviar no centro da Vila, se non se actuaba na ponte de Mañufe e río abaixo verían incrementado o caudal das crecidas en zonas como o barrio da Ponte, ás que lles chegaría máis auga en menos tempo e con máis forza.
É por iso que desde o BNG entenden necesario o estudio, revisión e mellora, se for o caso, desta nova proposta do executivo galego para garantir que efectivamente sirva aos fins perseguidos, non produza efectos negativos, se asegure un óptimo uso dos cartos públicos e que se poidan realizar as actuacións necesarias no menor tempo posible.
