O BNG reivindicará en Madrid a mellora do Miño como prioridade estratéxica para o país. Así o anunciou hoxe a candidata Carme da Silva, quen pediu dende Tui máis forza para o Bloque co fin de cambiar a perspectiva das actuacións no río e situalo no ‘km cero’ da toma das decisións para iniciar o seu saneamento e evitar que o caudal estea sometido a intereses privados das eléctricas. 

A nacionalista denunciou que o río, que dá sentido á comarca, está abandonado e sometido a unha xestión estatal que trata a fronteira como un límite en lugar de como un espazo de relación. Subliñou que só se o BNG consegue máis peso político e capacidade de presión nas Cortes poderán darse pasos adiante no saneamento e na recuperación integral, a súa desprivatización e desmilitarización, novas Pontes de conexión, así como nunha nova concepción que o convirta nun lugar de encontro, comunicación e desenvolvemento económico e social entre Galiza e Portugal.

Nunha xuntanza coas alcaldesas de Tomiño Sandra González, O Rosal Ánxela Fernández, a candidata á Alcaldía de Tui Carmen Núñez e outros integrantes da formación na comarca do Baixo Miño, Da Silva denunciou o deixamento que sofre o río por parte do Estado, que mantén as competencias sobre un territorio fundamental para a comarca e para as relacións transfronteirizas, pero que continúa sometido a unha visión centralista que o concibe como unha fronteira e non como unha oportunidade.

“Estamos ao pé do Miño, o río da nosa bandeira, un símbolo do noso país. Un río que está privatizado por unha sucesión de encoros e que neste momento está ameazado por un máis de Naturgy en Crecente”, advertiu, criticando que o aproveitamento do caudal estea entregado aos intereses das grandes compañías eléctricas mentres os territorios que viven ao seu carón non poden decidir sobre un recurso natural que forma parte da súa identidade e que debería ser fonte de riqueza e benestar.

A candidata nacionalista reclamou o saneamento e recuperación integral do Miño e a súa desprivatización fronte a un modelo que encadea encoros e explotacións hidroeléctricas para beneficio das eléctricas. Defendeu que deben poñerse límites aos privilexios das grandes compañías e que é necesario establecer un imposto especial que permita que parte dos beneficios que obteñen revertan na sociedade.

Da Silva incidiu en que o Miño necesita tamén deixar atrás a militarización da súa xestión e contar cunha autoridade civil, cunha estrutura administrativa que responda ás necesidades dos territorios e das persoas que viven na contorna. A regulación da pesca e outras actividades por parte de estruturas militares, así como as dificultades e trabas administrativas que padecen as persoas habitantes da fronteira, son para o BNG unha mostra dunha organización que non se adapta á realidade social e económica da raia.

O Bloque defende, como solución a boa parte dos problemas, a creación dunha autoridade única de gobernanza transfronteiriza con competencias delegadas polos dous Estados e participación das administracións implicadas que permita xestionar de maneira conxunta o espazo internacional do Miño. Este organismo debería asumir cuestións como a protección ambiental, o control dos vertidos, a xestión da pesca, a promoción económica e turística e a eliminación das mencionadas trabas administrativas que dificultan as relacións entre ambas as dúas beiras.

Tamén puxo de referencia a necesidade de reforzar as conexións mediante novas pontes sobre o río, tanto para mellorar a comunicación e a actividade económica como para favorecer a mobilidade e as relacións. Neste sentido, Da Silva defendeu a construción da ponte que dea servizo á PLISAN, unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento empresarial da comarca e para aliviar o tráfico pesado no centro de Salvaterra, así como a creación da proxectada pasarela peonil entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira, que permita estreitar os vínculos entre ambas as localidades e avanzar nunha mobilidade transfronteiriza máis próxima, sustentable e accesible.

Da Silva sostén que a cooperación entre Galiza e Portugal debe ser unha prioridade política e non unha cuestión residual dependente da vontade do goberno de Madrid. A candidata nacionalista incidiu en que a realidade da fronteira contrasta radicalmente coa visión centralista do Estado.

“A xente que vive aquí entende o Miño como un lugar de relación, de convivencia, de intercambio, como unha oportunidade para compartir cultura, economía e vida. Desde Madrid veno como unha fronteira, como un límite tras o que parece que non hai nada. Esa é a visión dos partidos estatais e centralistas: ignoran a realidade dun territorio que ten moitísimo potencial e que está abandonado”, afirmou.

Frote a isto, o BNG considera que o Miño debería ser un motor de desenvolvemento para toda a comarca, un espazo capaz de impulsar a pesca artesanal, o turismo sostible, a actividade económica, a conservación ambiental e as relacións sociais entre ambos países. Así, a candidata apelou á necesidade de contar cunha representación forte do Bloque nas Cortes para conseguir que as demandas se convertan en compromisos e actuacións concretas.

“No BNG non estaremos en Madrid para pedir, estaremos para esixir. Precisamos ter forza política para que Galiza conte, para defender o noso territorio e para que as relacións con Portugal deixen de depender exclusivamente do estado. O BNG vai dar a cara polo país, porque o BNG non defrauda”, afirmou, chamando a concentrar o voto no Bloque o próximo 29 de novembro.