Carme da Silva reivindicou hoxe ao BNG como a única forza política que garante unha voz forte e sen subordinacións para defender os intereses e solucionar os problemas da pesca galega nas Cortes.
Nun encontro na Guarda con representantes da Confraría de Pescadores Santa Trega, ORPAGU, Espadeiros Guardeses, ORMALUGA e Redeiras Atalaia, a candidata nacionalista escoitou as preocupacións dos distintos sectores e recolleu as súas principais reivindicacións.
“Galiza ten uns de 1.500 quilómetros de litoral e ten todo o dereito, pero tamén toda a necesidade, de vivir dignamente da pesca, unha actividade que xera riqueza, emprego e futuro para o noso país”, sinalou. Para Carme da Silva, a realidade da xente do mar non pode seguir supeditada ás prioridades das forzas estatais, que ignoran as particularidades do sector galego e nin sequera abren o debate sobre as súas necesidades específicas.
Na reunión puxéronse enriba da mesa problemas moi concretos que afectan tanto á frota de baixura como á de altura e ás traballadoras do mar. Entre eles, a falta dun surtidor de gasóleo no porto da Guarda, que obriga os barcos de baixura a abastecerse nunha gasolineira como calquera vehículo; a necesidade de adaptar os períodos de descanso obrigatorio ás longas paradas provocadas polo mal tempo; ou a insuficiencia das axudas polo encarecemento do combustible e as dificultades derivadas das cotas pesqueiras.
Os armadores tamén trasladaron a súa preocupación polas limitacións que lles impiden aproveitar capturas de especies como o marraxo e o atún vermello, mentres outras frotas internacionais operan nas mesmas augas. Pola súa banda, as redeiras expuxeron a precariedade das súas condicións laborais, o recoñecemento das enfermidades profesionais, o intrusismo, a trazabilidade dos traballos e a necesidade de contar con coeficientes redutores da idade de xubilación. Tamén se abordaron os atrasos nos pagamentos pendentes da Xunta.
Carme da Silva asegurou que estas demandas conectan coas propostas que o BNG leva tempo defendendo e que priorizará con máis forza nas institucións estatais para impedir que se mire para outro lado ante as necesidades do país.
Entre as medidas urxentes citou o recoñecemento de Galiza como zona altamente dependente da pesca, a participación directa do país nas decisións sobre política pesqueira e unha distribución das cotas que teña en conta a capacidade extractiva do sector. Defendeu tamén que a pesca artesanal quede exenta de TAC e cotas e a redución do IVE dos produtos pesqueiros. A candidata advertiu, ademais, da preocupación que existe na Guarda polos proxectos de parques de eólica mariña e reivindicou que Galiza quede libre destas instalacións.
“O 29 de novembro tamén está en xogo a defensa da nosa pesca, dos nosos intereses e do futuro do país. Canto máis peso teña o BNG en Madrid, máis capacidade teremos para condicionar a política estatal e que se arranxen os problemas concretos das galegas e dos galegos e para que a pesca galega vexa atendidas as reivindicacións, conseguindo o lugar que merece”, concluíu.
