O BNG remata na vila de Gondomar a rolda de asembleas veciñais informativas sobre a taxa do lixo nas parroquias do concello. A reunión, na participará a portavoz municipal Manuela Rodríguez, terá lugar mañá mércores, 3 de decembro, ás 20:00h no Café Keik, situado no número 10 da rúa Ánimas.

Desde a organización nacionalista lamentan que a asemblea non se poida celebrar nun local municipal público, como sería desexable dado o seu carácter, debido a que o Concello non contestou á solicitude de uso do Centro Neural para pasado 24 de novembro, obrigando ao BNG a cambiar a data e o lugar de reunión.

“Esta é unha mostra máis da liña de obstrución ao traballo político do BNG que practica o goberno de Paco Ferreira”, denuncia a voceira do Bloque. Un boicot que, segundo traslada Rodríguez Pumar, tamén se impón a outras entidades en que participan persoas vinculadas coa organización nacionalista que tampouco obteñen resposta ás solicitudes de espazos municipais para a celebración de reunións ou eventos.

Malia os atrancos, o BNG continúa coa súa campaña de asembleas informativas dentro do prazo de exposición pública da nova ordenanza reguladora da taxa a pagar polo servizo de recollida, tratamento e eliminación dos residuos municipais que o goberno municipal pretende aprobar.

Ao igual que nas anteriores, na reunión de mañá en Gondomar, ademais de abordar o contido da ordenanza e recoller achegas para a súa proposta de modificación da norma, o Bloque explicará como presentar alegacións para que veciñas e veciños poidan facelo directamente no Concello, a título individual ou colectivo, dentro do prazo que remata o vindeiro 19 de decembro.