A formación nacionalista elixiu por unanimidade o novo Consello Comarcal, un órgano que será dirixido por Manuel Fernández Cruz como responsable comarcal e Beatriz Lomba como vicerresponsable, e do que forman parte outras 15 persoas máis en representación dos cinco concellos que forman a comarca. 

A nova dirección afronta a responsabilidade de loitar «polas grandes carencias que sufre o Baixo Miño, un territorio esquecido ano tras ano nos grandes plans de desenvolvemento territorial da Xunta de Galiza ou do Goberno do Estado«, sinalan.

A execución do proxecto da AG-42, como eixo vertebrador da comunicación por estrada na comarca, a reivindicación da gratuidade da AP-9 entre Tui e Vigo, o desenvolvemento da comunicación mediante tren de proximidade, aproveitando as infraestruturas existentes ou a sanidade, serán, entre outros, «os principais cabalos de batalla do BNG».

Ademais, a formación nacionalista, que ostenta a alcaldía nos concellos de Tomiño e O Rosal, «encara con optimismo a preparación das eleccións municipais de 2027 coa intención de levar ao Bloque Nacionalista Galego ao goberno dous outros tres concellos do Baixo Miño. Queremos estender o modelo BNG a Tui, A Guarda e Oia, concellos que están clamando por un cambio de rumbo para a súa xestión municipal”, salienta a nova dirección.

Asímesmo, a nova dirección, escollida por unanimidade das bases militantes, destaca a importante implantación do Bloque Nacionalista Galego na comarca, reflectida nas urnas, por exemplo nas últimas eleccións autonómicas e anima á súa base social de militantes e simpatizantes «a defender con ilusión o desenvolvemento do Baixo Miño. Somos unha comarca con enorme potencial, no centro da Eurorrexión do Eixo Atlántico, bisagra entre dous estados Europeos, un territorio moi rico e desaproveitado. Atenderemos as necesidades da nosa sociedade, que demanda servizos públicos e infraestruturas acordes a unha rexión europea do século XXI”, rematan os nacionalistas.