A deputada do BNG, portavoz de pesca no Parlamento de Galicia, Rosana Pérez, o deputado no Congreso, Néstor Rego, e representantes municipais dos concellos afectados de  Vigo, Nigrán, Baiona, Redondela, Cangas, Oia e  A Guarda, compareceron diante dos medios de comunicación para rexeitar a implantación da eólica mariña.

Os nacionalistas anunciaron unha ofensiva institucional e social para declarar a prohibición de instalacións de parques de eólica mariña na costa sur de Galicia e considerar a actividade pesqueira como prioritaria, fronte aos intereses das grandes empresas enerxéticas. 

A viceportavoz do BNG no Concello da Guarda, Bea Lomba, declarou que “o parque Volanteiro situaríase a menos de 30 km da Guarda ameazando claramente a frota pesqueira de baixura e provocando un impacto ecolóxico e paisaxístico de grandes dimensións nunha zona onde o turismo é un sector económico relevante

A portavoz de pesca do BNG Rosana Pérez afirmou que “a nosa plataforma continental non é apta para instalar este tipo de parques na que se concentra un número elevado de embarcacións. No BNG optamos pola potenciación do sector pesqueiro e por un modelo enerxético con participación pública, defendendo o territorio galego. Un modelo afastado ao que defende o Partido Popular que prima os intereses das grandes empresas enerxéticas”.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, enfatizou “estamos diante dunha ofensiva de espolio enerxético ao noso País. Producimos  xa máis enerxía de fontes renovábeis da que consumimos: 18 mil xigawatios  a través de fontes renovábeis e consumimos 17 mil” . Pola contra, Madrid ten cero megavatios de potencia instalada e cero proxectos en tramitación. “É máis fácil consumir a enerxía que produce Galiza, aguantando nós os impactos sociais e económicos, e pagando a enerxía ao mesmo prezo”  

Rego rematou concluíndo “ímonos opor nas institucións, así como na rúa con todas as mobilizacións sociais que sexan precisas nas que sabemos que coincidiremos con moitos colectivos que se opoñen, a este proceso de espolio eólico que está sufrindo o noso País”.