O BNG leva a pleno este venres o rexeitamento da instalación da eólica mariña a menos de 30 km da Guarda.

Os nacionalistas argumentan que a eólica mariña e a defensa do sector pesqueiro non son compatíbeis, como se acreditou en Viana do Castelo, onde os mariñeiros denuncian que a zona quedou, literalmente, sen peixe, ou como se está demostrando co replantexamento que Noruega está a facer da eólica mariña pola grande afectación que está a ter sobre a súa pesca.

«Somos plenamente conscientes da necesaria transición ecolóxica -afirman desde o BNG- pero ten que ser xusta e non a conta de destruír o medio ambiente e os recursos dos que vivimos».

«Galiza duplica na actualidade os obxectivos marcados pola Unión Europa en produción de enerxías renovábeis para o 2030 e agora a maiores preténdese instalar no noso país o 43% da eólica mariña prevista para todo o Estado Español», indican.

Aseguran que «se trata de que as grandes eléctricas sigan facendo caixa cos nosos recursos deixando sen medio de vida á xente do mar».

Anxo Baz, Portavoz Municipal do BNG na Guarda afirmou “pretenden colocarlle a etiqueta de verde ao que simplemente é un proceso de espolio e colonización enerxética. Non podemos consentir que as eléctricas se carguen a frota pesqueira ademais de provocar unha agresión ecolóxica e paisaxística de grandes dimensións nunha zona onde o turismo é un sector económico relevante”.