O BNG en Baiona ven de rexistrar no Concello as máis de 1.000 sinaturas de
persoas que amosan a oposición á ampliación do Porto Deportivo que
recolleron nestes días despois da multitudinaria concentración e colocación de
mesas para asinar.
O documento baixo o título “paremos a ampliación do Porto Deportivo de
Baiona”, recolle o seguinte texto:
“O desastre medioambiental e paisaxístico que vai supor esta ampliación de
4.200 metros cadrados na nosa baía, igual que xa o fixo na primeira fase non
so coa modificación da circulación das correntes mariñas senón tamén coa
contaminación que supoñen mais embarcacións e coas novas restricións de
zonas de pesca que isto traerá consigo.
Esta última ampliación do Porto Deportivo converterá definitivamente o noso
concello nun espazo de explotación turística voraz que afecta directamente na
vida da veciñanza. A problemática da ampliación do Porto Deportivo non só nos
vai afectar a nivel ecolóxico senón tamén económico.”
O BNG sinala unha “total oposición a esta ampliación, sexa con formigón ou
sobre piares”, e indica que “como quedou demostrado no pleno extraordinario
deste pasado mércores o Partido Popular de Almuíña segue a apostar por uns
intereses contrarios ao medio ambiente en xeral, a ao mariño en particular, a
paisaxe, ao noso sector pesqueiro e a problemática da vivenda e, en
consecuencia, á calidade de vida da nosa veciñanza”.