O BNG, a través do seu portavoz municipal, Xavier Rodríguez, solicitou ao goberno municipal que acometa o estudo para a implantación en Panxón, durante a época estival, dunha zona de estacionamento regulado que contemple a delimitación de prazas para residentes, co obxectivo de paliar a falla de aparcamento no seu núcleo.

O déficit de prazas de garaxe, unido ao incremento poboacional durante o verán, deixan sen posibilidade de atopar estacionamento á veciñanza do núcleo mariñeiro, que precisan do seu vehículo para poder acudir ao traballo ou aos desprazamentos cotiáns, e ven como as prazas en superficie son ocupadas durante días por coches que, precisamente por estar os seus propietarios de vacacións, evitan ter que movelos.

Os nacionalistas instan a que se regule o aparcamento nesta área, contemplando a posibilidade de combinar a zona de estacionamento para residentes cunha zona azul gratuíta que favoreza a rotación dos vehículos, permitindo así tamén que as persoas poidan achegarse a Panxón para mercar, gozar dos locais de hostalería ou pasear, algo imposíbel coa situación actual na tempada estival, na que non só é moi difícil aparcar para as persoas que alí residen senón que tamén converte nunha misión imposíbel poder achegase cun turismo ao seu núcleo.

A regulación do estacionamento en superficie, mediante zonas gratuítas controladas, é unha medida adoptada xa en moitas vilas da nosa contorna para as zonas máis problemáticas, como ocorre en Ponteareas, A Guarda ou O Rosal entre outros moitos exemplos. “Un ben escaso, como as prazas de aparcamento en determinadas zonas e en determinadas épocas, ten que necesariamente regularse para garantir unha mínima rotación e a posibilidade de poder estacionar para os residentes” indica Xavier Rodríguez.