BNG // Estrada Gondomar-Chaín-Morgadáns

No Pleno de hoxe da Deputación, o grupo provincial do BNG, a través da deputada Manuela Rodríguez Pumar, solicitou información ao Goberno provincial sobre a estrada EP-2302 entre Gondomar-Chaín-Morgadáns e instou á súa mellora para aumentar a seguranza viaria para as persoas.

Explica a nacionalista que a veciñanza das mencionadas parroquias vive unha situación de inseguridade pola inexistencia de itinerarios peonís polos que transitar. Lembra que hai máis de oito anos construíronse beirarrúas en parte da estrada, dende o núcleo de Gondomar ata o enlace coa PO-341, deixando un treito de 500 metros sen concluír no barrio de Loureiro.

Para a deputada resulta inaceptable que as persoas que circulan pola vía teñan que transitar pola calzada, co conseguinte risco de atropelo que, ademais, se agrava porque é necesario cruzar ao outro extremo da vía nun lugar de moi escasa visibilidade no que ademais hai un terraplén. “O perigo de accidentes é moi alto. A Deputación debe concluír a mellora desta vía e garantir a seguranza da veciñanza”, finaliza.