O edificio da Fonte de Troncoso, proxectado por Palacios, posúe un elevado interese arquitectónico, histórico, etnográfico e industrial. É unha peza singular do patrimonio cultural galego e o seu valor transcende amplamente o ámbito local. Constitúe un referente patrimonial e turístico para toda a comarca.
Porén, o seu estado de conservación é preocupante, cun deterioro moi importante do inmoble e unha exposición recorrente a inundacións do río Tea. «Necesita urxentemente unha intervención que garanta a súa preservación», din dende o BNG do Porriño.
Esta situación resulta especialmente grave se se ten en conta que o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana vén publicar a nova convocatoria do Programa 2% Cultural, destinado a financiar actuacións de conservación, restauración e rehabilitación de bens inmobles declarados BIC. «A negativa da Xunta está a privar a unha administración con poucos recursos, como é o Concello de Mondariz Balneario, da posibilidade de acceder a recursos económicos para actuar e poder sufragar gastos relacionados coa conservación e recuperación da fonte», indican.
A moción presentada polo Bloque reclama tamén o desbloqueo urxente do proxecto de rehabilitación redactado no seu momento pola Xunta, así como a execución efectiva dos 400.000 euros comprometidos, co fin de garantir a conservación e salvagarda inmediata do inmoble. “O Concello do Porriño ten que reafirmar o seu compromiso coa protección, conservación e posta en valor do conxunto da obra de Antonio Palacios. Debe promover a cooperación interadministrativa necesaria para preservar uns bens que forman parte do patrimonio cultural de todos os galegos e galegas”, afirman desde o grupo municipal do BNG.
