Diante da anulación dos pregos de contratación da concesión do servizo público de abastecemento de auga potable e saneamento para o Concello de Gondomar e paralizado o proceso de licitación, o BNG invita ao Alcalde a converter a súa incompetencia nunha nova oportunidade para o concello.
Desde o BNG lamentan o tempo perdido por un Alcalde que de maneira sistemática se nega a escoitar as advertencias e as propostas da oposición e dos colectivos veciñais, e que desbota radicalmente a posibilidade da xestión pública dos servizos. É por iso que instan a Ferreira a aproveitar a paralización do concurso para un duplo obxectivo: apostar pola municipalización dos servizos e comezar a planificar axeitadamente a xestión do ciclo integral da auga.
Nesa liña, a organización nacionalista vén de solicitar a convocatoria urxente dunha reunión municipal, aberta a participación veciñal, para “comezar a deseñar, a serio, unha xestión sostible do ciclo integral da auga en Gondomar”, traslada a portavoz municipal do BNG Manuela Rodríguez.
Unha xuntanza que debería ser o xermolo dun cada vez máis necesario Consello Municipal da Auga, como foro de posta en común cos grupos municipais, cos colectivos veciñais e coas comunidades de augas. Un espazo onde poder analizar todos os aspectos que teñen a ver co abastecemento (municipal e comunitario), co saneamento (evacuación, tratamento e reutilización de augas residuais, xestión da estación depuradora), ou os plans da seca e de aforro e redución do consumo.
Un contrato cun incremento irrelevante no saneamento e sen o servizo de baleirado
Malia o fume que vendeu Paco Ferreira, a falta duns datos oficiais que o goberno municipal nunca ofrece e segundo os cálculos realizados polo BNG, os proxectos incluídos no contrato paralizado suporían menos de 150 novas conexións ao saneamento, un incremento irrelevante tendo en conta que no concello hai arredor de 3.000 vivendas sen ese servizo esencial.
Con esa situación e a pesar das promesas realizadas e dos acordos aprobados no pleno, o goberno tampouco incluiu no contrato da concesión o servizo de baleirado de pozos negros e fosas sépticas para aquelas vivendas que non están cubertas pola rede de sumidoiros.
Unha medida paliativa que o BNG considera urxente para atender as necesidades da veciñanza e dos centros sociais e pequenos negocios afectados pola limitación dunha rede de saneamento que non atende a todo o concello e que practicamente non medrou nos dez anos de goberno do PSOE de Paco Ferreira.
“Un servizo que ademais de facilitar, axilizar e reducir o custe do baleirado para os veciños e veciñas, garantiría o correcto traslado e xestión dos residuos e un maior respecto ao medio ambiente e á saúde pública”, explica a concelleira.
Rodríguez insiste en que o Concello “ten recursos de sobra para prestar este servizo polo seus propios medios, ao igual que ocorre noutros concellos similares ao noso, como Tomiño por exemplo”. Mais engade que, se o gobeno local vai seguir adiante co proceso privatizador, desde o BNG invitan ao Alcalde a “aproveitar a oportunidade que lle dá a súa propia incompetencia para incluír o baleirado na modificación do contrato agora paralizado”.
