Míriam Rodríguezo

O Porriño non é alleo á realidade de persoas que se atopan en situación de rúa, ben sexa por falta de vivenda, problemas económicos ou por cuestións de saúde. Nalgúns casos, estas persoas poden non aceptar ningún recurso do ofertado polos servizos sociais por razóns diversas.

Este rexeitamento pode provocar que non estea garantida a súa integridade física e precisa que se activen medidas de protección cara á súa persoa, polo seu benestar individual e pola seguridade de terceiras persoas.

Existe un soporte legal que permite articular medidas de protección e atención, e que debe ser activado pola propia administración municipal, se non hai familiares ou coñecidos que o reclamen. “Dende o BNG solicitamos que se tramite de oficio desde os servizos municipais a lei de medidas de apoio (antes incapacitación) ás persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade cada vez que se teña coñecemento dun caso, residan ou transiten polo noso concello, para redimir a situación de exclusión social na que se atopan. A indiferenza ou os prexuízos cara a alguén que dorme na rúa non pode ser o comportamento de quen ostenta un cargo de responsabilidade no concello«, afirma Míriam Martínez.