As Concelleiras do BNG na Guarda, Bea Lomba e Nuria Vázquez, veñen de facer pública a presentación dunha moción onde solicitan as Administracións maiores compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista.

“A violencia de xénero segue forte na nosa sociedade. Proba disto son, por exemplo, os datos recentes dados a coñecer a mediados de outubro por parte do Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial que indicaba que os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre de 2022 ata 1.813 denuncias por violencia machista, un 9,9% máis que no mesmo período de 2021”, indicou Nuria Vázquez .

Bea Lomba pola súa parte manifestou que “nun contexto onde, ademais, medran os discursos misóxinos que cuestionan a desigualdade e a violencia machista, é necesario que as Administracións revaliden o seu compromiso co impulso e o apoio económico das medidas en materia de fomento da igualdade e loita contra estas violencias”.

Entre as reivindicacións presentadas polas nacionalistas demándase da Xunta de Galiza que reforce o financiamento anual dos Centros de Información á Muller (CIM) garantindo, asemade, que o Programa de apoio aos CIM cubra os custes de persoal e de mantemento, favorecendo o desenvolvemento de actividades e programas de prevención da violencia machista e de promoción da igualdade así como a incorporación de novos perfís profesionais aos centros.