O BNG anuncia o seu voto en contra da ordenanza do lixo porque deixa fóra a práctica totalidade das alegacións da veciñanza. Nun pleno extraordinario, convocado pola vía de urxencia para o do día de Noiteboa, o goberno de Ferreira «pretende sacar adiante unha unha norma sen elementos que incentiven a redución dos residuos e cunha suba das taxas completamente desorbitada.”

“Na súa liña de autoritarismo e falla de diálogo, Ferreira desoe a solicitude do BNG de abrir un proceso de participación con toda a corporación municipal e coas entidades de representación veciñal para consensuar unha ordenanza xusta e acorde coa realidade económica de Gondomar”, lamenta a portavoz municipal do BNG Manuela Rodríguez.

Tal e como xa adiantara no pleno de aprobación inicial, o BNG votará en contra da ordenanza porque “o goberno do PSOE nin entendeu nin atendeu” as diversas achegas que a veciñanza, de xeito individual ou colectivo, lles trasladou para facela economicamente máis xusta e con garantía e equilibrio do servizo no territorio.

Desde o BNG denuncian que Ferreira ‘pasa olimpicamente’ das alegacións e emendas e que “o único que quere é sacar adiante unha proposta puramente recadatoria e contraria á lei na que supostamente está inspirada”, denuncia Rodríguez.

Ferreira mentiu cando dixo estar ‘aberto a estudar todas as achegas con detemento’ e, en menos de dous días desde o remate do prazo de alegacións e sen contemplacións, rexeitounas practicamente todas.

O BNG non minte e, en consecuencia, fará no pleno de mañá mércores o que prometeu no seu día: “votar en contra da proposta de ordenanza porque o goberno do PSOE non a modifica para facela máis xusta”, anuncia a voceira do BNG, e lembra que “se toda a oposición fai o mesmo, Paco Ferreira non poderá aprobala.”